-->

O obradoiro Xuventude en Acción 2021 formou a quince mozas e mozos da comarca do Sar na confección de páxinas web

  • A xefa territorial da Consellería de Emprego e Igualdade anuncia no acto de clausura desta formación que a Xunta investirá o próximo ano 500.000 € nun novo obradoiro de emprego para os concellos de Rois, Padrón e Dodro
  • O alumnado aprendeu a linguaxe de programación e xestión de contidos facendo dúas propostas web vinculadas ás comunidades de montes en man común dos concellos de Terras de Iria

 

A xefa territorial da Consellería de Emprego e Igualdade, Judit Fontela, clausurou hoxe en Rois o obradoiro Xuventude en Acción 2021, promovido polos concellos de Rois, Padrón e Dodro e que contou cun financiamento de 350.000 € da Xunta. No acto de clausura e entrega de diplomas estiveron presentes o alcalde en funcións de Padrón, José Ramón Pardo; o tenente de alcalde de Rois, Manuel dos Santos, o alcalde de Dodro, Xabier Castro, e o concelleiro de Emprego de Dodro, Abel Tarrío.

O obradoiro formou a un total de quince mozos e mozas pertencentes aos tres concellos da comarca do Sar na confección e deseño de páxinas web.

Judit Fontela destacou a colaboración e a implicación dos concellos para con esta formación, destacando que “este é un excelente exemplo de colaboración entre as administracións”. Ademais, a xefa territorial da Consellería de Emprego e Igualdade subliñou o esforzo do alumnado e felicitounos polo aproveitamento da formación que “é un trampolín non só para seguir formándovos senón tamén como saída laboral, xa que a confección de páxinas web é unha especialidade con moita demanda”.

Judit Fontela tamén aproveitou o acto para anunciar que os tres concellos terán un novo obradoiro de emprego destas características o ano que ven, e cun maior investimento, que cifrou en 500.000 euros, aínda que subliñou que “probablemente non será de confección de páxinas web” .

O alcalde en funcións de Padrón, José Ramón Pardo, dixo que coa formación recibida no obradoiro as persoas participantes “están preparadas para buscar unha saída profesional” e agradeceu ao Concello de Rois por albergar á formación e a Xunta por “seguir formando á nosa xuventude para poder traballar”.

Pola súa banda, o tenente de alcalde de Rois, trasladou os parabéns do concello ao alumnado e subliñou que o deseño de páxinas web “é unha ferramenta, que nos tempos que estamos, é moi importante para calquera empresa ou persoa que desexe darse a coñecerse a través de internet”. Dos Santos tamén destacou a importancia de “traballar unidos para acadar mellores metas e lograr máis recursos para beneficiar á nosa veciñanza”.

Mentres que o alcalde de Dodro, Xavier Castro, agradeceu o esforzos dos mozos e das mozas participantes. “Esta formación é o primeiro paso para entrar no mercado laboral”, dixo.

O obradoiro Xuventude Acción 2021 formou ao longo dun ano, a un total de quince mozas e mozas de Rois, Padrón e Dodro. Durante esta formación, aprenderon a confeccionar páxinas web, a traballar as linguaxes propias de programación e o xestor de contidos que logo aplicarían á creación de dúas propostas web relacionadas cos montes en man común dos concellos de Terras de Iria e patrimonio.

Deste xeito, a través do GIS (Sistema de Información Xeográfica) recolleron información para realizar un inventario do uso do solo, do patrimonio vinculado ao catálogo de paisaxes de Galicia pertencentes ás comunidades de montes en man común de Rois, Padrón e Dodro, cada un co seu mapa correspondente.

O traballado feito polo alumnado do obradoiro Xuventude en Acción 2021 ven a dar continuidade ao dos anteriores obradoiros vinculados co turismo verde e coas rutas do Camiño de Santiago.

Unha vez que estea activo o contido na web, que será en breve, e segundo explicaron dende o obradoiro de emprego, darase a opción ao usuario para acceder ao traballo deste obradoiro e ás propostas anteriores.

O obradoiro Xuventude en Acción 2021 finalizará este xoves, día no que o alumnado recibirá o seu certificado de profesionalidade.

 

 

PadronCaminoEDestino

Contacto

Pode contactar co Concello de Padrón a través dos seguintes medios:

  • Enderezo: Rúa Longa, 27 - 15900 Padrón
  • Teléfono: (+34) 981 810 451
  • Correo electrónico: correo@padron.gal

Outros sitios web de interese

 
 
App Padrn removebg preview
 
Descarga a App de Turismo de Padrón.
Top

Aviso legal - Política de privacidade - Política de cookies - Máis información sobre as cookies

Ligazón temporal á antiga páxina web

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…