-->

As Aulas Sénior de Padrón abren o 15 de setembro a matrícula para o novo curso 2022-23

  • O programa de envellecemento activo para maiores de 50 anos inclúe unha ampla oferta de actividades //

  • Retómase o ximnasio e inclúense novas propostas formativas como hipopresivos, patchword, bordado, ganchillo, encaixe de Camariñas e un curso de manexo de APP de bancos e caixeiros automáticos //

  • Visitas culturais, encontros de ATEGAL, conferencias, obradoiros e cursos de curta duración complementan o programa que se fai extensivo ao rural //

  • As clases arrincan o 17 de outubro e finalizarán o 31 de maio de 2023 //

As Aulas Sénior de Padrón, xestionadas por ATEGAL, en colaboración co Concello de Padrón, veñen de facer pública as datas de apertura de matrícula e a programación completa para o presente curso 2022-23. Un curso que comezará a súa andaina o 17 de outubro e finalizará o 31 de maio de 2023. As actividades do programa de envellecemento activo están destinadas a persoas maiores de 50 anos tanto de Padrón como da contorna. Ten un custe anual de 58 € por persoa (100 € se é matrimonio) e 10 € por actividade. As persoas empadroadas en Padrón poderán matricularse a partir do 15 de setembro. A matrícula abrirase a todas as persoas maiores de 50 anos da comarca a partir do 23 de setembro.

Cómpre subliñar que as Aulas Sénior de Padrón, que están a piques de cumprir 30 anos, son todo un referente en Galicia e está comprobado que aportan aos seus usuarios/as moitos beneficios físicos, de saúde, sociais e emocionais, ademais de potenciar o envellecemento activo na poboación maior de 50 anos.

Despois destes dous últimos anos marcados polas restricións da Covid-19, a normalidade retorna ás Aulas Sénior e faio con algunhas novidades na súa ampla oferta lúdico-formativa e de saúde. Unha oferta formativa que se divide en tres grandes bloques: área da saúde, área cultural e área ocupacional.

Na primeira, na da saúde, ofértanse as prácticas deportivas de ximnasia aeróbica, ximnasia de mantemento, pilates, taichí, escola de espalda, ioga e relaxación, obradoiro de memoria, andainas e dous programas o de Neuronup (actividades de reforzo de memoria por ordenador) e o programa de balneario, que se desenvolverá o primeiro xoves de cada mes a partir do 3 de novembro (prezo 23 €). Como novidade dentro desta área destaca a actividade de hipopresivo e retómase o ximnasio, suspendido o pasado curso polo covid.

Na área cultural introdúcese como novidade este ano o curso de uso e manexo de APP de bancos e caixeiros automáticos. Continúase a ofertar informática (conéctate á rede), arte e o curso de manexo de teléfonos móbiles smartphone.

Finalmente, na área ocupacional a novidade son as labores varias (patchword, bordado, ganchillo e calceta) e o encaixe de Camariñas. Continúan a ofertarse pintura en tela, pintura ao óleo e manualidades.

No rural

As actividades non só se centralizan na vila, senón que se fan extensibles ás parroquias. Así en Carcacía e en Angueira de Suso ofértase ximnasia de mantemento (dous días á semana, en días alternos) e obradoiro de memoria (un día) e en Extramundi, está previsto realizar dous días á semana, en días alternos, ximnasia de mantemento, escola de espalda e pilates.

O obxectivo do Concello de Padrón non é só manter as actividades nos núcleos rurais senón aumentar a súa oferta.

A oferta das Aulas Sénior complementarase ao longo do curso con visitas culturais, encontros de ATEGAL, conferencias, obradoiros e cursos de curta duración así como a xa tradicional viaxe de fin de curso. Ademais, o alumnado de ATEGAL que así o desexe tamén pode pasar a formar parte do grupo de voluntariado para colaborar cos diferentes proxectos de Aulas Sénior.

Para máis información, as persoas interesadas poden acudir á oficina de ATEGAL en Padrón, sita no Centro Social, ou chamar ao teléfono 981 81 13 29. Tamén poden solicitar información a través do enderezo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. ou na web www.ategal.com.

A oferta de actividades e a programación completa do curso 2023 das Aulas Sénior pode consultarse nesta ligazón.

 

 

PadronCaminoEDestino

Contacto

Pode contactar co Concello de Padrón a través dos seguintes medios:

  • Enderezo: Rúa Longa, 27 - 15900 Padrón
  • Teléfono: (+34) 981 810 451
  • Correo electrónico: correo@padron.gal

Outros sitios web de interese

 
 
App Padrn removebg preview
 
Descarga a App de Turismo de Padrón.
Top

Aviso legal - Política de privacidade - Política de cookies - Máis información sobre as cookies

Ligazón temporal á antiga páxina web

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…