-->

O zaragozano José Ignacio Domingo Regidor gaña o XXXII Premio Literario Camilo José Cela

  • O xurado valora “a creación dunha voz narrativa propia” na obra premiada, que leva por título ‘No son los lobos’ //

  • A concelleira de Cultura sinala que os 141 relatos presentados a concurso demostran “a dimensión que acadou este galardón, que xa traspasa con moito as fronteiras da nosa Comunidade” //

O zaragozano José Ignacio Domingo Regidor coa obra No son los lobos proclamouse gañador da trixésimo segunda edición do Premio Literario Camilo José Cela, convocado polo Concello de Padrón. Presentáronse a concurso un total de 141 relatos procedentes de toda España, unha cifra que, de acordo coa concelleira de Cultura Lorena Couso Dopazo, “demostra a dimensión que acadou este galardón, que xa traspasa con moito as fronteiras da nosa Comunidade autónoma”. O galardón está dotado cunha achega económica de 1.500 euros.

Para Lorena Couso, o premio é “unha mostra do compromiso de Padrón coa creación e coa palabra; para esta vila, de enorme tradición literaria fundada no traballo inmortal de autores como Cela ou Rosalía de Castro, é case un deber apoiar aos escritores e ás escritoras emerxentes”. Couso Dopazo presidiu o xurado, do que formaron parte ademais Carlos Arias Iglesias, premiado na segunda edición do concurso; Beatriz Vázquez Lorenzo, licenciada en Filoloxía inglesa; Inés Mosquera Calvo, mestra de Educación Primaria e investigadora do Centro Ramón Piñeiro; Esteban Folgar Brea, profesor de lingua e literatura do IES da Estrada; Covadonga Rodríguez del Corral, directora xerente da Fundación Pública Galega Camilo José Cela; e M.ª Cruz Taboada Álvarez, funcionaria do Concello de Padrón.

O xurado valorou do texto gañador “a creación dunha voz narrativa propia, o emprego axeitado do dialectalismo e coloquialismos para debuxar a soidade interna e externa e o illamento dende a perspectiva da idade avanzada e o anonimato”. O fallo do xurado produciuse tras varias valoracións na reunión mantida no salón de plenos da casa consistorial.

José Ignacio Domingo Regidor (Zaragoza, 1967) é licenciado en Veterinaria e desenvolve a súa actividade profesional na Asociación de Industrias de Alimentación de Aragón, dedicada á promoción dos alimentos desa comunidade. Publica artigos de carácter profesional en Heraldo de Aragón e Periódico de Aragón. Como escritor, José Ignacio Domingo ten recibido numerosos premios literarios de relato breve: finalista do premio de relato corto do Ateneo Mercantil de Valencia 2021 e 2º clasificado neste mesmo certame en 2019; 3º premio no concurso de relatos sobre o despoboamento Terra Vacua 2018; gañador do concurso de relato breve de Heraldo.es en 2018; gañador do concurso de relato breve Barrio de Torrero de Zaragoza en 2016 e gañador do concurso de relato corto La Azucarera 2014.

 

PadronCaminoEDestino

Contacto

Pode contactar co Concello de Padrón a través dos seguintes medios:

  • Enderezo: Rúa Longa, 27 - 15900 Padrón
  • Teléfono: (+34) 981 810 451
  • Correo electrónico: correo@padron.gal

Outros sitios web de interese

 
 
App Padrn removebg preview
 
Descarga a App de Turismo de Padrón.
Top

Aviso legal - Política de privacidade - Política de cookies - Máis información sobre as cookies

Ligazón temporal á antiga páxina web

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…