Print this page
-->

As Aulas Sénior de Padrón celebran o 3 de marzo 30 anos de compromiso coa formación dos maiores

  • O acto, no que intervirán diversas autoridades, incluirá un xantar de confraternidade, actuación musical e baile

  • A concelleira de Terceira Idade destaca a implicación do Concello e das aulas no fomento do envellecemento activo, na integración do rural e na formación dos maiores de 50 anos

  • Lorena Couso: “Son unha das aulas máis numerosas de Galicia canto a alumnado; referente e modelo polo seu bo facer”

 

Ategal-Aulas Sénior de Padrón cumpren 30 anos de andaina, comprometidas coa formación das persoas maiores de 50 anos do municipio e co fomento do envellecemento activo. Para conmemorar esta celebración, o goberno local de Padrón, en colaboración con Ategal, organizarán o venres 3 de marzo un acto especial, que inclúe actuacións musicais e un xantar de confraternidade no que poderán participar o alumnado actual, ex alumnos e os seus acompañantes. O prezo do xantar ten un custo de 15 euros por persoa.

A concelleira de Cultura e Terceira Idade, Lorena Couso, resalta o importante labor levado a cabo polas aulas ao longo destas tres décadas no referente aos servizos, á oferta formativa dirixida ás persoas maiores e á implicación e mobilización deste colectivo no rural. “Unha das prioridades do goberno municipal é o benestar dos nosos maiores, por iso apostamos por diversificar a oferta lúdico formativa das aulas levándoa ao rural para que poidan gozar da formación en igualdade de condicións”, remarca Lorena Couso. “Neste senso, fan un gran labor”, engade.

Os actos do 30 aniversario desenvolveranse o 3 de marzo en dous escenarios distintos. No auditorio municipal terán lugar as intervencións das autoridades (12.00 horas), ás que seguirá a actuación da Tuna de Veteranos da Coruña (12.30 horas). O segundo escenario será o hotel Scala onde, a partir das 14.00 horas, celebrarase o xantar de confraternidade e o posterior baile amenizado polo grupo Unión y Fuerza.

Os alumnos e ex alumnos que queiran participar no xantar, xunto cos seus acompañantes, deberán formalizar a súa inscrición no Centro Social. O prazo remata o venres 24 de febreiro. O prezo do menú é de 15 € por persoa e inclúe empanada, sopa de cocido, cocido galego, sobremesa, viños, auga e café.

As Aulas Sénior de Padrón comezaron a funcionar en 1993 con tan só 15 alumnos matriculados, ofertando teatro e un curso de rehabilitación. “Hoxe temos máis de 230 alumnos, o que converte ás aulas sénior padronesas nunha das máis numerosas de Galicia, superando en matrícula ás das grandes urbes galegas como Santiago, Vigo, Ourense ou A Coruña”, indica Lorena Couso.

Tamén ao longo destas tres décadas a oferta formativa e de ocio da aulas padronesas diversificouse e adaptouse ás novas necesidades e demandas da poboación maior de 50 anos. Introducíronse cursos sobre novas tecnoloxías, charlas sobre saúde e alimentación, diversas actividades e cursos que contribúen a un maior benestar físico, social, emocional, de saúde e social, viaxes culturais, etcétera. “Na actualidade, as aulas contan cun amplo abano de actividades que contribúen ao envellecemento activo dos nosos maiores; son todo un referente en Galicia polo seu bo facer e a súa xestión, e modelo a seguir por concellos da contorna ”, manifesta a concelleira de Cultura e Terceira Idade.

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…