-->

Padrón recolleu máis de 5.000 kg de aceite de cociña o pasado ano nos 25 puntos habilitados

  • A reciclaxe deste residuo xerou un aforro de emisión de CO2 de 15,2 Tm e evitou a contaminación de 5,5 millóns de litros de auga //

  • Javier Guillán: “O equipo de goberno mantén a súa firme aposta por preservar o medio ambiente e estamos a traballar arreo para completar a oferta da rede de colectores de reciclaxe” //

  • O concelleiro de Recollida e Tratamento de Residuos destaca a boa acollida da campaña de reparto de composteiros domésticos, dos que xa se entregaron un centenar //

O Concello de Padrón recolleu ao longo do pasado ano 5.009 quilogramos de aceite de uso doméstico nos 25 colectores repartidos entre o casco urbano e os núcleos rurais do municipio. Así o recolle o informe remitido ao Concello por Green Ambiental SL, o xestor autorizado pola Xunta para a recollida e tratamento deste tipo de residuos. A implantación destes colectores supón un paso máis na aposta do goberno local por manter un Padrón máis limpo e preservar o medio ambiente. E, neste senso, o  concelleiro de Recollida e Tratamento de Residuos, Javier Guillán, subliña que o equipo de goberno puxo tamén en marcha a campaña de reparto de composteiros domésticos de xeito gratuíto entre a veciñanza “dos que xa se levan entregados preto dun centenar, e estamos a traballar para completar a rede de contedores de reciclaxe coa implantación do colector marrón para restos orgánicos”.

Segundo o informe de Green Ambiental SL, os 5.009 quilos de aceite reciclado en Padrón, unha vez transformados en biocarburante, xeraron un aforro de emisións de CO2 á atmosfera de 15,02 toneladas e a súa recollida evitou a contaminación de 5.509.900 litros de auga durante o pasado ano.

Estes datos poñen de relevo o esforzo levado a cabo polo equipo de goberno nestes últimos anos para preservar o medio ambiente dotando á cidadanía de colector axeitados e eliminando posibles focos de contaminación. Neste senso, Javier Guillán explica que en Padrón só había un colector de recollida de aceite de cociña de titularidade privada, situado xunto ao supermercado Erosky. “Vimos a necesidade e traballamos con tesón para que a veciñanza dispuxera de contedores apropiados onde depositar este residuo. Pasamos de non ter ningún a dispoñer de 25”, indica o edil padronés.

Un paso máis nese compromiso por manter e preservar o medio ambiente e ter un Padrón máis limpo, o equipo de goberno está traballando na actualidade para implantar no municipio o colector o marrón, destinado á fracción orgánica. “Este colector sumarase aos que xa dispoñemos nas illas do casco urbano e no rural como son o amarelo, o verde, o de cartón, o de vidro e o de aceite”, subliña Guillán. O edil de Recollida e Tratamento de Residuos é consciente de que este colector marrón terá máis acollida na zona urbana que no rural, onde os restos orgánicos serven para alimentar aos animais ou para facer abono.

“Froito do intenso traballo destes anos e do noso compromiso co medio ambiente, Padrón dispón hoxe dunha boa rede de colectores en todo o municipio, e dunhas illas no casco urbano ben situadas, deseñadas con visión de futuro, a pesares de que foron moi criticadas”, subliña Guillán.

Composteiros domésticos

O edil responsable de Recollida e Tratamento de residuos tamén destaca a boa acollida que está a ter a campaña de reparto de composteiros domésticos posta en marcha polo Concello hai uns meses. “Levamos repartidos xa ao redor dun centenar de xeito totalmente gratuíto”, indica o edil padronés.

A campaña segue activa e toda aquela persoa que desexe obter un destes compostoiros domésticos pode achegarse ao Concello e solicitalo.

Finalmente, Javier Guillán agradece á veciñanza o esforzo que está a facer no que respecta á reciclaxe e ao correcto uso dos colectores, en aras dun “Padrón máis limpo, máis ecolóxico e máis verde”.

 

PadronCaminoEDestino

Contacto

Pode contactar co Concello de Padrón a través dos seguintes medios:

  • Enderezo: Rúa Longa, 27 - 15900 Padrón
  • Teléfono: (+34) 981 810 451
  • Correo electrónico: correo@padron.gal

Outros sitios web de interese

 
 
App Padrn removebg preview
 
Descarga a App de Turismo de Padrón.
Top

Aviso legal - Política de privacidade - Política de cookies - Máis información sobre as cookies

Ligazón temporal á antiga páxina web

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…