-->

Padrón honra á figura de Rosalía de Castro cunha ofrenda floral diante da súa estatua no Espolón

  • A alborada dos Carapaus abriu os actos oficiais do Día de Rosalía que conmemoran o 186 aniversario do nacemento da escritora ||

  • Alumnos do CEIP Flavia protagonizaron un recital poético ||

  • O alcalde de Padrón, Antonio Fernández: “Celebrar a Rosalía non é só cousa dun día, senón de todo o ano” ||

  • Mañá preséntase o libro co que Manuel López Rodríguez gañou a VIII edición do certame poético Rosalía de Castro ||

20230223 dia rosaila intervencion alcalde padron

Música, poesía e tradicional ofrenda ante a estatua de Rosalía de Castro que preside unha das entradas ao Espolón centraron hoxe os actos institucionais do Día de Rosalía en Padrón. A vila na que a autora de Follas Novas pasou gran parte da súa vida volveu a vestirse de gala para honrar a escritora galega máis universal o día no que se conmemoran os 186 anos dos seu nacemento.

Os acordes da alborada na honra a Rosalía de Castro, interpretada polo grupo de gaitas Os Carapaus, resoaron polas rúas da vila anunciado o día de festa e acompañaron á comitiva de autoridades encabezada polo alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, e o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, dende a rúa Juan Rodríguez ata o Espolón. Tamén estaban presentes o alcalde de Dodro, Xavier Castro, a concelleira de Cultura, Lorena Couso, membros da Corporación padronesa e da fundación rosaliana. Ao paso das gaitas sumouse a veciñanza.

Alí, ás beiras do Sar que tanto cantou Rosalía e ante a súa estatua, un grupo de alumnos de sexto do CEIP Flavia recitaron diversos poemas da escritora, mentres alcalde e presidente da Fundación Rosalía de Castro depositaban ante os pés da figura pétrea da escritora a tradicional coroa de loureiros.

20230223 dia rosaila recital alumnos ceip flavia 5

Na súa intervención, o alcalde felicitou ao alumnado pola súa interpretación e lembrou que Padrón leva celebrando ao longo de todo o mes de febreiro diversas actividades enmarcadas no Día de Rosalía. “Estamos moi orgullosos de festexar hoxe esta data tan importante, pero celebrar a Rosalía non é só cousa dun día, senón de todo o ano”, indicou Antonio Fernández. Para o alcalde “Rosalía está sempre viva todo o ano nos nosos corazóns”.

Pola súa banda, Anxo Angueira subliñou que a primeira alborada do Día de Rosalía “tiña que soar na terra de Rosalía, na casa da Matanza e nas terras de Padrón. “Hoxe hai 186 anos que naceu Rosalía, faro da nosa lingua e da nosa literatura, que segue a enchernos de esperanza 186 anos despois do seu nacemento”, dixo Angueira.

20230223 dia rosalia alborada carapaus

A visita teatralizada a cargo dos Quinquilláns, Camiño branco de Rosalía, na que participaron os alumnos de sexto do CEIP Flavia, e a degustación nos locais hostaleiros do caldo de gloria completaron as actividades desta xornada.

Os actos do Día de Rosalía na vila padronesa continúan mañá con outra intensa xornada onde a poesía, a música, e novamente o caldo de gloria, volverán a ser os protagonistas. Ás 12.00 horas, no auditorio terá lugar a presentación do libro Neste mesmo intre, de Manuel López Rodríguez, obra gañadora do VIII certame poético Rosalía de Castro promovido polo Concello de Padrón. O alumnado dos IES Camilo José Cela e Macías O Namorado protagonizarán tamén un recital poético. A xornada matinal rematará co recital de poesía e música de Iolanda Eiras e Narci Rodríguez.

Pola tarde, ás 19.30 horas, tamén no auditorio, terá lugar o recital poético con Jonatan Jorge Guille (Antoloxía vocal dun neto) e Amanda Plaza (Beizos de mar e outros actos de amor) e música de Fernando Lousada.

 

 

PadronCaminoEDestino

Contacto

Pode contactar co Concello de Padrón a través dos seguintes medios:

  • Enderezo: Rúa Longa, 27 - 15900 Padrón
  • Teléfono: (+34) 981 810 451
  • Correo electrónico: correo@padron.gal

Outros sitios web de interese

 
 
App Padrn removebg preview
 
Descarga a App de Turismo de Padrón.
Top

Aviso legal - Política de privacidade - Política de cookies - Máis información sobre as cookies

Ligazón temporal á antiga páxina web

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…