-->

Padrón colabora con 1.500 euros ao envío de axuda humanitaria ás persoas damnificadas polo terremoto de Turquía

  • A aportación padronesa servirá para que a ONG IAE Rescue compre material de primeira necesidade e o leve á zona afectada //
  • Antonio Fernández reunise esta semana con Miguel Montero, bombeiro que participou no rescate de tres persoas e volverá ao país turco a semana que vén //

O concello de Padrón colaborará con 1.500 euros ao envío de material de axuda humanitaria ás persoas damnificadas polo terrible terremoto que a principios deste mes deixou máis de 44.000 mortos en Turquía e Siria. Esta axuda será canalizada a través da ONG IAE Rescue, con cuio delegado en Galicia, Miguel Montero, se reuniu esta semana o alcalde roisense, Ramón Tojo, na sede do GES de Padrón. Ao encontro asistiron tamén o alcalde de Padrón, Antonio Fernández, así como o concelleiro delegado do Grupo de Emerxencias Supramunicipal, José Ramón Pardo, e o xefe deste servizo.

Intervención, Ayuda y Emergencias, IAE Rescue, é unha asociación de voluntarios dedicada a adestrar cans e guías coa idea de desenvolver traballos como o de atopar sobrevivintes sepultados por mor dunha catástrofe. Foi este o labor que a ONG desenvolveu en Turquía cun equipo formado por dous cans e doce voluntarios, entre os que se atopaba precisamente Miguel Montero. Bombeiro do GES de Muros, guía canino e experto en estruturas colapsadas, foi un dos membros IAE Rescue que logrou rescatar tres persoas entre os cascallos dos edificios derrubados na cidade de Adiyaman.

Viaxe a Turquía a semana que vén

Agora, unha vez superada a fase de rescate e logo de se reunir co delegado do goberno turco para xestionar a emerxencia, a ONG retomará o seu traballo na zona afectada coordinando o envío de axuda humanitaria desde España. Por iso, Miguel volverá a Turquía a semana que vén para participar na distribución de material de primeira necesidade entre as persoas damnificadas. Os mil euros achegados por Rois e outros 1.500 que aporta Padrón servirán para contribuír á compra deste material e entre os obxectos agora máis perentorios atópanse tendas de campaña, sacos de durmir, xeradores eléctricos, calefactores, cociñas de camping, prolongadores e regretas eléctricas ou lotes de hixiene persoal.

A colaboración no envío de axuda humanitaria está aberta a quen o desexe e pode facerse de dous xeitos diferentes: comprando material e facéndoo chegar a Madrid, dende onde se organizará o envío, ou ben cunha aportación económica a través da conta ES56 0030 3053 2100 0014 4217. IAE Rescue responderá cun xustificante de recibo e indicará en que se investiron os cartos. O contacto coa ONG pode facerse a través do número de teléfo 617 061 681 ou na dirección de correo electrónico  Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo..

 

PadronCaminoEDestino

Contacto

Pode contactar co Concello de Padrón a través dos seguintes medios:

  • Enderezo: Rúa Longa, 27 - 15900 Padrón
  • Teléfono: (+34) 981 810 451
  • Correo electrónico: correo@padron.gal

Outros sitios web de interese

 
 
App Padrn removebg preview
 
Descarga a App de Turismo de Padrón.
Top

Aviso legal - Política de privacidade - Política de cookies - Máis información sobre as cookies

Ligazón temporal á antiga páxina web

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…