Print this page
-->

Ategal-Aulas Sénior de Padrón cumpre 30 anos celebrando ser a máis numerosa de Galicia

  • O alcalde reafirma o compromiso do seu goberno para que as aulas sigan medrando, formando aos maiores de 50 anos e facendo partícipes ás persoas do rural ||

  • Antonio Fernández: “É un orgullo saber que as nosas aulas, con máis de 230 inscritos, son un referente na comunidade” ||

  • O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, destaca o potencial e as gañas de aprender do alumnado ||

  • O presidente de Ategal-Aulas Sénior de Galicia, Ángel Fagilde, lembrou como se foron adaptando a novas necesidades ||

  • Máis de 200 persoas asistiron ao xantar de conmemoración ||

20230303 aulas senior 30 anos 10

Ategal-Aulas Sénior de Padrón celebrou hoxe a conmemoración do seu 30 aniversario, no marco dunha xornada que congregou a máis de 200 persoas. No acto institucional, celebrado no auditorio municipal, o alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, encomiou o excelente labor realizado polas aulas padronesas dende a súa constitución en 1993 e celebrou que, con máis de 230 matrículas, sexan a máis numerosa de Galicia. Nesa liña tamén se pronunciaron o director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, e o presidente das da Asociación Cultural Galega de Formación Permanente de Adultos (Ategal)-Aulas Sénior de Galicia, Ángel Fagilde. 

Antonio  Fernández Angueira destacou o importante papel que xogan as aulas no que atinxe ao fomento do envellecemento activo das persoas maiores de 50 anos, á súa formación e a mobilización e implicación dos maiores do rural. “Levo 12 anos ao fronte do goberno de Padrón e ao longo de todos estes anos non deixamos de procurar a maneira de que as aulas aumentasen a súa actividade, con novas ofertas e nova formación para facervos a vida máis fácil e máis feliz”, dixo o mandatario, dirixíndose ao alumnado. Neste senso tamén lembrou que o goberno que preside fixo unha firme aposta por “aumentar a formación nas aldeas, sendo conscientes de que moitas persoas teñen dificultades de mobilidade”.

20230303 aulas senior 3

Fernández Angueira recordou que as aulas sénior padronesas son un referente para outros concellos, “non só polo número de matrícula, que con máis de 230 inscritos, a converten nunha das máis numerosas de Galicia”, senón tamén pola calidade da súa oferta e pola implicación do alumnado.

Finalmente, o alcalde aproveitou a presencia do director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria para solicitar a colaboración da Xunta para diversificar aínda máis as actividades que ofrecen as Aulas Sénior de Padrón. Unha colaboración que tamén fixo extensiva a Ategal-Aulas Sénior de Galicia.

20230303 Aulas senior 30 anos 9

“Un bo xeito de celebrar estes 30 anos  sería poder levar no mes de setembro ao alumnado a Italia, nunha visita cultural”, dixo Fernández Angueira.

Os representantes de ambas institucións recolleron o guante. O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, remarcou na súa intervención o potencial dos maiores que integran as aulas padronesas e animounos a seguir aprendendo.

Pola súa banda, o presidente de Ategal-Aulas Sénior de Galicia, Ángel Fagilde, lembrou como as aulas foron mudando e adaptándose a novas necesidades (comercio electrónico, manexo de App, marcha nórdica...). Fagilde subliñou que as Aulas Sénior de Padrón, ademais de ser as máis numerosas da comunidade galega compiten en actividade coas das grandes cidades.

No acto interveu unha das alumnas máis veteranas, Socorrito Barreiro, quen explicou o que significou para ela matricularse nas aulas e pediu aos representantes políticos e ao presidente de Ategal “máis financiación para poder facer máis actividades”. Entre estas peticións atópase a solicitude de contar con transporte para poder realizar unha visita cultural a Lugo.

No acto tamén estiveron presentes as concelleiras de Terceira Idade e de Participación cidadá, Lorena Couso e Carmina Bustelo; o concelleiro de Relacións Veciñais, Francisco García, e a concelleira de Servizos Sociais do Concello de Rois, Mercedes Basante.

A actuación da Tuna de Veteranos de A Coruña pechou o acto institucional no auditorio. A celebración dos 30 anos de Ategal-Aulas Sénior continuou no hotel Scala cun xantar de confraternidade e posterior baile amenizado polo grupo Unión y Fuerza.

20230303 aulas senior 30 anos tuna 3

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…