Print this page
-->

Padrón celebra a sétima exposición da camelia e o bonsái con talleres, música e un desfile de moda

  • A feira desenvolverase a fin de semana do 25 e o 26 de marzo no convento do Carme e todas as actividades son gratuítas //

  • Haberá un concerto solidario en favor de Art for Dent, asociación galega da enfermidade de Dent //

  • A concelleira Lorena Couso lembra que o certame se une ás xornadas gastronómicas da lamprea //

Obradoiros, actuacións musicais e ata un desfile de moda, ademais da feira e o concurso de camelias, serán algunhas das actividades que se poderán desfrutar en Padrón na última fin de semana de marzo coincidindo coa celebración da VII Exposición da camelia e do bonsái, edición solidaria a prol da asociación galega da enfermidade de Dent, Art for Dent. Todas as actividades teñen entrada libre e gratuíta e, para completar a festa,  instalarase no recinto do convento do Carme unha carpa con polveira.

“Convidamos a toda a xente de Padrón e de fóra a achegarse ata o convento do Carme para gozar deste certame, dedicado á flor de Galicia e que cada ano gaña en espectacularidade.  Ademais, contamos cun amplo programa de actos que invitan a pasar aquí o día e mesmo toda a fin de semana porque hai que recordar que estaremos en plenas xornadas gastronómicas da lamprea”, subliña a concelleira de Cultura e Turismo, Lorena Couso.  

O día grande da camelia será o sábado. As portas do convento do Carme abriranse xa ás 9.30 horas para a colocación dos distintos exemplares por parte de expositores chegados de toda Galicia e mesmo doutras partes de España. A inauguración oficial da feira da camelia terá lugar ás 14.30 horas e ás 18.30h. repartiranse os premios aos mellores expositores.

No programa da xornada destacan tamén os talleres relacionados coas plantas e a natureza. No primeiro deles, ás 11.00 horas, as persoas asistentes poderán aprender con Carme Freire como facer conservas vexetais caseiras. Así mesmo, en dobre convocatoria ás 11.00 horas e as 16.00 horas, dará comezo outro taller para aprender a cultivar e darlle forma aos bonsáis da man de Juan Liñares. E, por último, Edmundo Novoa dirixirá un obradoiro centrado no coidado dos cactus a partir das 16.30 horas.

A programación complétase coa actuación Little Garden polas rúas de Padrón a cargo da compañía Pablo Méndez Performance (12.00h.); a sesión vermú con Inés Carreño e Marcos Pin (19.00h.) e o gran desfile Padrón está de moda, no que participarán os establecementos padroneses Bianco Moda, Candem Town, O Liño, Óptica Baltar, Joyería Cortiñas, Silvia’s Look, Pelu Karol, Zabba Zapatería e Jessica Fabeiro. 

Pechará a xornada un espectáculo solidario en favor de Art for Dent, asociación galega que busca visibilizar a enfermidade de Dent a través da arte, obxectivo que en Padrón se plasmará na simbiose entre música e proxeccións audiovisuais na fachada do convento do Carme. O concerto correrá a cargo de Raúl Andrade, á trompeta, e de Fernando Briones, ao piano, que interpretarán un repertorio de clásicos de todos os tempos de artistas moi coñecidos, dende Carlos Gardel a John Lennon. A hora de comezo está fixada para as 20.30 horas.

Obradoiro infantil

Xa no domingo, serán os peques os primeiros protagonistas do día. A eles está dirixido o taller Arte e natureza, que impartirá o escultor Camilo Seira a partir das 11 da mañá. Os outros talleres da xornada centraranse na realización de smoothies (ás 13.00 horas, con Mesquiteira) e a poda de frutais (17.00 horas, con Alfonso Touceda).

Novamente actuará a compañía de Pablo Méndez Performance, que nesta ocasión ofrecerá a actuación Big Garden na propia feira (12.30 horas) e, a continuación, tocaralle a quenda á sesión vermú con La Patrulla. A feira baixará o telón ás 19.00 horas.

 

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…