-
Incluirá concursos de poldros, eguas e sementais de Pura Raza Española, Pura Raza Árabe, Pura Raza Galega e cruzados
-
Carmina Bustelo: “É unha das citas imprescindibles das festas, porque a afección polos cabalos está moi arraigada no municipio”
O Concello de Padrón volve apostar pola tradicional Feira Cabalar como un dos pratos fortes das Festa de Pascua 2023. O domingo 9 de abril, no Campo da Barca, daranse cita milleiros de afeccionados e criadores de cabalos para participar nos concursos morfolóxicos que se desenvolverán durante todo o día. “É unha das citas imprescindibles da Pascua, que cada ano congrega máis persoas, porque a afección polos cabalos está moi arraigada no noso municipio e na contorna”, asegura a concelleira de Festexos, Carmina Bustelo, que recorda que este ano vanse repartir 3.600 euros en premios nos concursos morfolóxicos.
Ademais dos concursos, celebrarase a tradicional feira cabalar, e un amplo programa de actividades que conta coa colaboración da Asociación de Criadores do Cabalo de Pura Raza Galega e Concursos Hípicos no Camiño.
A Feira Cabalar está chamada a ser unha das citas máis seguidas da Pascua padronesa. Nos concursos morfolóxicos repartiranse premios de entre 120 e 30 euros entre os cinco mellores exemplares de cada unha das dez categorías. As probas comezan ás nove da mañá con certames morfolóxicos de poldros, eguas e sementais de Pura Raza Española, Pura Raza Árabe, Pura Raza Galega e cruzados. A inscrición para participar está aberta ata o venres 7 de abril ás 14.00h e este ano pode facerse por internet, cubrindo o formulario que se atopa neste enlace. Tamén se admite inscrición a través do correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. ou no teléfono 689 419 722.
A Pascua de Padrón e a Feira Cabalar van unidas de xeito indisoluble desde as orixes desta celebración histórica, que se remontan ao século XVII. A terras padronesas acudían naquel tempo tratantes de todos os puntos de Galicia e mesmo de Castela para facer os seus negocios nun evento que reunía a xentes de toda a contorna. Co paso do tempo, arredor da actividade comercial fóronse incorporando elementos culturais e deportivos, lúdicos e relixiosos, estes últimos pola coincidencia das datas de celebración da Semana Santa, tamén moi arraigada en Padrón. Todos estes ingredientes converteron a Pascua padronesa na primeira romaría importante do calendario festivo galego. A feira cabalar celébrase ininterrompidamente todos os anos, coincidindo coa Pascua de Resurrección.