Print this page
-->

O alcalde preside a recepción do Concello á Irmandade dos Fillos e Amigos de Padrón

  • O colectivo celebrou o domingo de Pascuilla a súa 46ª xuntanza anual na que entregou as insignias de ouro e placas conmemorativas ||

  • Os actos incluíron á ofrenda ás estatuas de Rosalía e Cela ||

  • Numeroso público presenciou os tradicionais fogos de Pascua e tamén participou no espectáculo Duende Ecuestre do sábado ||

  • Os grupos folclóricos locais, o Certame de Bandas e a orquestra Olympus poñen onte o broche de ouro a unhas Festas de Pascua moi concorridas ||

20230415 Pascua Padron Fogos Artificiais 2

Padrón pechou onte as súas festas de Pascua, ás que este ano volveron asistir milleiros de persoas, dándolle protagonistas ás agrupacións folclóricas locais, ao certame de bandas de música e á Irmandade de Fillos e Amigos de Padrón, que celebrou este domingo de Pascuilla a xuntanza anual. Os fogos artificiais foron unha das principais atraccións dos sábado

O alcalde, Antonio Fernández Angueira, presidiu a recepción oficial que o Concello lle fixo a Irmandade e ás persoas homenaxeadas nesta 46 edición. Previamente, representantes da Corporación, acompañados pola Banda Municipal, trasladáronse ata a praza dos Fillos e Amigos de Padrón para saudar á directiva da entidade e os premiados polo seu compromiso coa vila. Tras a foto de familia, celebráronse as tradicionais ofrendas florais. Nesta ocasión, o alcalde e o presidente da Irmandade, Arturo Reboyras, depositaron a coroa de loureiro diante da estatúa de Rosalía, mentres que as dúas homenaxeadas, Cruz Taboada e Anabel Rivas, fixeron o mesmo na estatua de Camilo José Cela.

Nesta edición, a Irmandade entregoulle a insignia de ouro ao padre Francisco Honrubia Bonnin, superior do convento de Herbón; a Anabel Rivas Barros, profesora de Latín e Grego no IES de Rianxo e un referente  na loita contra o cancro; a Cruz Taboada Álvarez, animadora sociocultural do Concello con 30 anos de experiencia; a Cesáreo González Pardal, presidente do Cluster de Turismo de Galicia, e a Manuel Garrido Rivero, historiador especializado no Camiño de Santiago. As placas conmemorativa foron para a Asociación Adina e para Óscar e Manolo Vidal, responsables do restaurante O Pazo Asador, que recibiu este ano a primeira Estrela Michelín.

20230416 Pascua Padron Festival BANDAS 30

Certame de bandas

Durante a mañá do domingo,e último día das festas de Pascua, declaradas de Interese Turístico de Galicia, os grupos folclóricos locais foron os protagonistas, coa actuación na praza de Macías de Arreixeira e O Pedrón, que tamén acompañou aos xigantes e cabezudos no seu pasarrúas polo casco histórico de Padrón.

Protagonismo que pola tarde recolleron as bandas de música de Ribadumia, a de Arca e a Municipal de Padrón, que participan no décimo terceiro Festival de Bandas Capital do Sar. Ao rematar a actuación a entidade organizadora tivo un detalle cos tres directores. Os concelleiros José Ramón Pardo, Carmina Bustelo e Francisco García entregáronlle placas conmemorativas aos tres directores: Adrián Pais (Ribadumia), Andrés Pérez (Arca) e Braulio Cao Ledo (Padrón). A Banda de Padrón tamén lle fixo entrega dunha distinción a Lidia Gallas que leva presentando o festival dende 2008.

Xa pola noite, a Orquestra Olympus animou a última verbena das festas co seu espectáculo Red Tour 2023.

20230415 Pascua Padron espectaculo DUENDE ECUESTRE 22

Fogos de Pascua, ciclismo e espectáculo de doma

O sábado de Pascuilla os protagonistas da xornada foron os fogos artificiais que, nesta ocasión, Pirotecnia López lanzou dende a zona do convento do Carme e que congregaron a numeroso público no paseo do Espolón. Un espectáculo que moitos aplaudiron polo colorido e vistosidade.

Os fogos lanzáronse entre os dous concertos que ofreceron os Gin Toni’s, coas súas versións de temas dos anos oitenta, e Los Coleguitas de Venezuela coa súa música latina.

O espectáculo de doma e danzas a cabalo Duende Ecuestre tamén xuntou pola tarde numerosas persoas que gozaron coas piruetas dos equinos, ao tempo que colaboraban coa Asociación Española de ELA (esclerose lateral amiotrófica). 

A 60 edición da Clásica de Pascua de ciclismo que se celebrou na tarde do sábado xuntou tamén a centos de afeccionados en Padrón, que volveron ver como o Club Ciclista Padronés Cortizo levaba os primeiros premios, pois ademais de ser o mellor equipo, os seus corredores Sinuhé Fernández e Fran Rus ocupaban os dous primeiros postos da xeral. 

20230416 Pascua Padron Orquesta OLYMPUS 8

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…