Print this page
-->

Padrón celebrará o Día da Bicicleta no festivo das Letras Galegas cunha marcha de 15 quilómetros

  • A participación está aberta a todas as persoas maiores de 6 anos //
  • A programación inclúe unha visita guiada ás instalacións do Club Ciclista Padronés Cortizo //

Padrón celebrará o mércores 17 de maio, coincidindo coa festividade das Letras Galegas, o Día da Bicicleta 2023 cunha marcha de 15 quilómetros con xincana infantil nas que poderán participar todas aquelas persoas maiores de 6 anos que así o desexen (os menores de 11 anos, na compaña dunha persoa adulta). As inscricións realizaranse o mesmo día da proba nunha carpa que se habilitará no Paseo do Espolón, punto de saída e meta, ás 10.45 horas. A proba iniciarase 45 minutos despois, ás 11.30 horas.

Todas as persoas participantes recibirán un agasallo e, ao finalizar a proba, entrarán tamén nun sorteo de material deportivo. Así mesmo, contarán con puntos de avituallamento sólido e líquido na desembocadora do río Sar (quilómetro 10,61 da marcha) e na liña de meta. O uso do casco é obrigatorio.

Ademais da marcha, a celebración inclúe unha visita guiada ás instalacións do Club Ciclista Padronés Cortizo. Para participar, é preciso inscrición previa na oficina municipal de Deportes, localizada no Centro Social, ou no teléfono 981 811 329.

O regulamento do Día da Bicicleta 2023 pode consultarse picando nesta ligazón

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…