Print this page
-->

O Concello de Padrón acusa de mentir aos organizadores de Asnot e rexeita ser o responsable da suspensión do festival deste ano

“O ano pasado foi Asnot quen cambiou a data para o sábado seguinte ao Santiaguiño e a carreira de burros, para ter máis días de festa”, aseguran as concelleiras de Cultura e Festexos  ||  

“Este ano volveron cambiar a data sen preguntarlle ao Concello e esixían exclusividade e que non se celebrara ningún outro festival esa fin de semana”, engaden  ||  

Só en facturas o Concello asumiu en 2022 un gasto de 10.000 euros, ao que hai que engadirlle todo o persoal que estivo colaborando con Asnot e a loxística que se lles facilitou  ||  

 

O Concello de Padrón acusa de mentir aos organizadores de Asnot e rexeita ser o responsable da suspensión do festival deste ano. As concelleiras de Cultura e Festexos, Lorena Couso e Carmina Bustelo, aseguran que o Concello mantén unha constante e ampla colaboración coa organización deste festival, pero rexeitan “ter responsabilidade nas decisións equivocadas que puidera ter tomado a organización de Asnot”. Ao mesmo tempo lembran que “o Concello non pode asumir as condicións formuladas para organizar en 2023 este festival. Ademais dun novo cambio de data unilateral, esixíannos que a fin de semana de Asnot en Padrón non se celebrara ningún outro festival”, engaden. O Concello leva anos colaborando co Festival Asnot, e seguirao facendo, “pero non nestas condicións”.

As concelleiras de Cultura e de Festexos do Concello de Padrón queren saír ao paso das falsidades e mentiras difundidas hoxe nun comunicado feito público pola organización do festival Asnot na súa páxina web, no que responsabilizan ao Concello da suspensión do festival deste ano. Lorena Couso e Carmina Bustelo acusan de “mentir” a organización de Asnot e de non querer asumir as responsabilidades derivadas das decisións equivocadas que puideran ter adoptado no pasado. As concelleiras lembran que só no ano 2022, o Concello de Padrón pagou facturas por importe de 10.060,75 euros relacionadas directamente coa celebración do festival Asnot, “ao que hai que engadir todo o persoal que o Concello puxo a súa disposición, ademais da loxística e dun local que lle facilitamos de xeito gratuíto e do Punto Lila que puxemos o ano pasado durante a celebración deste evento”.

Nunha reunión telemática celebrada a principios de 2022 a representante de Asnot “foi quen dixo que querían cambiar de data, para celebrar o festival a fin de semana seguinte ao Santiaguiño, para ter dous días máis de festa. Non é responsabilidade do Concello se o festival non acadou o éxito agardado o ano pasado, nin das consecuencias que se puideran derivar dese cambio de data”, sinalan as dúas concelleiras. Lorena Couso e Carmina Bustelo lembran que este ano, Asnot volveu cambiar a data de celebración de xeito unilateral, adiantándoa para a fin de semana do Santiaguiño, sen comunicarlla previamente ao concello. 

“Cando no mes de marzo fixeron pública a data de celebración de Asnot 2023, o Concello xa tiña asumidos unha serie de compromisos para esa fin de semana de xullo”, engaden as concelleiras, que reiteran que “o Concello de Padrón non pode asumir as esixencias formuladas desde Asnot. Pedíannos que esa fin de semana non se celebrase en Padrón ningún tipo de festival nin evento, algo que non podemos asumir nin consentir”, lembran Lorena Couso e Carmina Bustelo. As dúas concelleiras ofrecéronlle a posibilidade de que puidesen organizar actos en diferentes prazas do casco histórico de Padrón, un ofrecemento que rexeitaron.

“O Concello de Padrón non se está comprometendo economicamente non ninguén para financiar ningún tipo de evento. Si lles dixemos que tiñan as prazas a súa disposición”, aseguran a concelleiras. No apartado económico, lembran que en 2022, o goberno de Padrón destinou ao festival Asnot a metade do presuposto reservado para as festas do Santiaguiño. “O ano pasado pagamos facturas de Asnot por 10.060,75 euros, ademais dos contedores e do punto lila que montamos durante o festival, o persoal de obras que tiveron a súa disposición, así como un fontaneiro e un electricista. Ata lles cedemos o local da unitaria de Herbón para que puidesen gardar o material durante o tempo que quixeran”, engaden as concelleiras.

Informe de intervención

Un informe de intervención municipal recolle a colaboración económica do Concello de Padrón co festival Asnot durante os catro últimos ano. Unha aportación económica que supera os 28.000 euros e a que hai que engadir todo o persoal e loxística que o Concello pon a disposición dos organizadores para celebrar este evento.

O informe de intervención recolle que no ano 2019, o Concello de Padrón pagou facturas relacionadas con Asnot por importe de 7.795,28 euros. No ano 2020, ano da pandemia, pagáronse 600 euros, no 2021 os pagos ascenderon a 10.588,38 euros e na edición de 2022 o Concello pagou 10.060,75 euros relacionados con este festival.

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…