“Hoxe comeza un novo tempo para Padrón no que poremos en marcha un novo proxecto deseñado para mellorar a calidade de vida da veciñanza”, subliñou na súa primeira intervención como alcalde //
No pleno de constitución contou co apoio do BNG, poñendo fin a doce anos de goberno do Partido Popular //
O edil aplaudiu a maioría absoluta de mulleres da nova Corporación, unha presencia que “redundará nunha mellora do proceso de toma de decisións e na calidade das mesmas” //
O anterior rexedor do PSdeG foi Camilo Forján, quen exerceu entre 2007-2011 //
Anxo Rei Arca fixo historia esta mañá en Padrón ao converterse no segundo alcalde socialista do municipio dende a restauración da democracia hai case medio século e despois de que o PSdeG gañase as eleccións municipais. No pleno de constitución da Corporación da duodécima lexislatura, Anxo Arca recibiu o apoio dos seis edís do PSdeG e da representante do BNG, poñendo fin así a doce anos de goberno do Partido Popular.
O PSdeG-PSOE e BNG chegaron a un acordo de investidura e continuarán as negociacións os vindeiros días de cara a un posible pacto de goberno.
Anxo Arca liderou a lista máis votada nas pasadas eleccións municipais, celebradas o 28 de maio, ao conseguir 2.002 votos, 151 máis que o Partido Popular (1.851 votos) e máis do triplo que o BNG (614), os tres partidos que obtiveron representación na Corporación, con 6, 6 e 1 edil, respectivamente. Dende as primeiras eleccións municipais celebradas en 1979, Padrón só tivo un alcalde socialista, cando Camilo Forján liderou un goberno de coalición entre 2007 e 2011.
Na súa intervención nun salón de plenos cheo de xente, Anxo Arca destacou o seu inmenso agradecemento "a toda a cidadanía padronesa que, co seu voto, posibilitou a apertura desta nova etapa” e tamén tivo palabras de recoñecemento para o goberno saínte, desexándolle o mellor ao seu predecesor, Antonio Fernández Angueira. “Espero e desexo que o Grupo Popular desenvolva esta nova función con honradez, mesura e decoro como sempre intentamos facelo dende o Grupo Municipal Socialista”, declarou.
Anxo Arca tamén amosou a súa gratitude cara ao BNG e a Beatriz Rei polo apoio prestado para facilitar a súa elección, e tivo palabras de cariño e de agradecemento para a familia e os amigos, sen esquecer “ás compañeiras e compañeiros de candidatura e á militancia socialista que creron en min e me apoiaron sempre”.
Na súa primeira intervención, o alcalde Padrón subliñou a maioría absoluta de mulleres da nova Corporación, unha presencia que considera “digna e xusta” e que “redundará nunha mellora do proceso de toma de decisións e na calidade das mesmas”.
“Hoxe comeza un novo tempo para Padrón no que poremos en marcha un novo proxecto deseñado para mellorar a calidade de vida de todas e todos vos. Pídovos confianza e un pouco de paciencia porque lamentablemente as cousas importantes non se conseguen con rapidez”, insistiu Anxo Arca.
“Son moi consciente da enorme responsabilidade que acabo de asumir”, afirmou antes de engadir: “Non pararei ata conseguir que todas e todos vos sintades aínda máis orgullosos ser parte deste fermoso pobo que é Padrón”.
O rexedor formou parte das listas do PSdG-PSOE desde o 2011 e exerceu de edil nos últimos catro anos. Este mediodía recibiu o bastón de mando de mans de José Ramón Pardo, o concelleiro do PP que presidiu a mesa de idade xunto con Lorena Couso, a máis nova da Corporación.
Rematada a sesión, todos os membros do novo goberno fixéronse unha foto de familia antes de recibir os parabéns dos asistentes e á veciñanza dende o balcón do concello.
Anxo Arca é o quinto alcalde da democracia no Concello de Padrón dende a formación da primeira Corporación no ano 1979 que presidiu Eduardo Otero González (UCD). Jesús Villamor (PP), que ostentou o cargo entre 1983 e 2003; o socialista Camilo Forján (2007-2011) e Antonio Fernández (PP, 2011-2023) foron os seus predecesores na alcaldía.
A nova Corporación de Padrón
A Corporación de Padrón para a duodécima lexislatura queda conformada polos seguintes concelleiros e concelleiras:
Partido Socialista: Anxo Rei Arca, María Jesús Campos Varela, Ana Belén Castro García, Laura Horta Ignacio, José Luis Mariño Castro e María de los Dolores Saco Vigo.
BNG: Beatriz Rei García.
Partido Popular: Antonio Fernández Angueira, José Ramón Pardo Andrade, Lorena Couso Dopazo, Francisco Javier Guillán Iglesias, María del Carmen Bustelo Rial e Andrés García Bustelo.