O fundador da Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago (AGACS) e da Fraternidad Internacional del Camino de Santiago (FICS) recibiu esta mañá o premio ‘Padrón, Berce do Xacobeo’ //
O alcalde, Anxo Arca agradeceulle ao premiado o seu traballo e a súa paixón na defensa e promoción do Camiño //
O galardoado subliñou o carácter da ruta xacobea como “un Camiño de valores” e reivindicou a peregrinación a Padrón //
Anxo Arca, alcalde do Concello de Padrón, entregoulle esta mañá a José Antonio de la Riera Autrán o premio Padrón, Berce do Xacobeo, unha distinción que implica o seu nomeamento como Peregrino de Honra e que o acredita como embaixador padronés e do Camiño. O acto, celebrado na igrexa parroquial de Santiago, enmárcase na celebración do Día do Peregrino.
.jpg)
Os actos comezaron coa recepción do alcalde e da corporación municipal ao galardoado, que aproveitou o seu paso polo Concello para asinar no libro de honra. Durante o traslado á igrexa parroquial de Santiago a comitiva estivo acompañada pola Banda de Música Municipal de Padrón.
A cerimonia, que se iniciou coa Misa do Peregrino, contou coa presenza de María Teresa Tocino, alcaldesa de Pontecesures e de Ramón Abuín Gómez, alcalde en funcións de Dodro. Tamén estiveron presentes José Manuel Merelles, director da Axencia de Turismo de Galicia; Francisco Singul, director da Área de Cultura Xacobea da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo; Manolo Garrido, premiado no ano 2018, e representantes de diferentes asociacións e organismos vencellados ao Camiño de Santiago a ao Xacobeo.
.jpg)
O alcalde de Padrón, Anxo Arca, subliñou a experiencia como peregrino e hospitaleiro do premiado, unha das persoas máis implicadas no estudo, na conservación, na defensa e na promoción do Camiño. O rexedor agradeceulle o seu traballo, a súa paixón, e o feito de poñer ao servizo da cidadanía a súa capacidade na defensa do Camiño. “Sodes as persoas boas e xenerosas coma ti as que facedes que os pobos xacobeos como Padrón teñan ben definido o seu lugar na historia. As que contribúen a contextualizar a relevancia da nosa vila e nos da pulos para continuar con enerxía e ilusión na labor de difundir e preservar o noso legado”, incidiu.
“A veciñanza de Padrón está orgullosa de ter un embaixador coma ti”, remarcou Anxo Arca quen agradeceu ao premiado “descubrir e transmitir as ensinanzas do Camiño, na súa humildade pero tamén na súa grandeza”.
Antonio de la Riera é fundador da Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago (AGACS) e da Fraternidad Internacional del Camino de Santiago (FICS), e colaborou na investigación e sinalización de varios trazados dos camiños a Santiago, destacando a súa contribución á rehabilitación do Camiño Portugués dende Ponte de Lima a Santiago, buscando os vellos sendeiros e sinalizándoos cunha frecha amarela que hoxe é un dos símbolos máis recoñecibles deste gran elemento cultural.
No seu discurso, o premiado agradeceu a distinción e subliñou o carácter do Camiño de Santiago como “un Camiño de valores”. Tamén incidiu José Antonio de la Riera na reivindicación da peregrinación xacobea Santiago-Padrón. “Para nós é moi importante o recoñecemento oficial desta prolongación do Camiño. Non deixaremos de reclamar esta oficialidade, o que suporía un pulo definitivo a Padrón como epicentro de todos as tradicións xacobeas. É de xustiza histórica”, reiterou o fundador da FICS.
.jpg)
O premio Padrón, Berce do Xacobeo, instaurado no ano 2017, destaca o traballo realizado por persoeiros relevantes a prol do Camiño, co obxectivo de que exerzan ademais como embaixadores de Padrón nas rutas xacobeas. O premio tamén tributa un recoñecemento simbólico aos peregrinos que diariamente transitan pola vila así como para insistir na relevancia de Padrón na propia tradición xacobea.
A través deste galardón, o Concello de Padrón reitera a importancia da vila na tradición xacobea como lugar onde desembarcou o corpo do Apóstolo. A súa relevancia a día de hoxe é patente co paso constante dos peregrinos, sendo un dos puntos máis transitados polos camiñantes de todo o mundo dende hai décadas, o que levou ao concello a instaurar a Pedronía. Esta credencial está reservada aos peregrinos que, tras visitar a tumba do Apóstolo en Compostela, chegan a Padrón para coñecer o punto no que desembarcou o seu corpo.
.jpg)
Unha vez rematados os actos, a comitiva e a veciñanza gozaron do concerto ofrecido pola Banda de Música de Padrón fronte á igrexa de Santiago.