-->

Herbón reparte máis de 3.000 racións nunha multitudinaria Festa do Pemento

Centos de veciños e visitantes sumáronse á exaltación deste produto na carballeira do convento ||  
Xulio Mato, chef e condutor do programa de cociña da TVG ‘A Voltas co Prato’, exerceu de pregoeiro || 

WhatsApp Image 2023 08 05 at 17.09.42 (3)

Herbón celebrou un ano máis a festa de exaltación do pemento cunha multitudinaria degustación na que se repartiron 1.500 quilos e máis de 3.000 racións deste produto con fama internacional.

Como cada primeiro sábado do mes de agosto, tradición e festa conxugáronse na edición número 43 desta festa declarada de Interese Turístico de Galicia.

A carballeira do convento de Herbón acolleu dende primeira hora da mañá o pasarrúas a cargo do grupo de gaitas Os Mersenarios e da charanga OT antes de oficiarse a misa campestre.

Un dos momentos máis vistosos desta celebración, a procesión agrícola motorizada, volveu encher as rúas de Padrón de tractores engalanados con motivos vencellados á parroquia de Herbón e ao seu produto estrela. Participaron no desfile un total de 26 vehículos agrícolas que fixeron gala de moito humor e ganas de festa.

WhatsApp Image 2023 08 05 at 17.09.42 (2)

A comitiva achegouse como é costume á Casa do Concello. Alí recibiunos o alcalde, Anxo Arca, na compaña das concelleiras Chus Campos, Ana Belén Castro, Laura Horta e Mariló Saco. O rexedor recibiu a tradicional cesta de pementos por parte de representantes da comisión organizadora da festa e, antes de deixar Padrón, os tractores fixeron tamén un alto ante a estatua de pementeira para cumprir coa ofrenda de flores.

WhatsApp Image 2023 08 05 at 17.09.42 (1)

De volta xa en Herbón, Xulio Mato, chef e condutor do programa de cociña da TVG ‘A Voltas co Prato’, exerceu de pregoeiro nunha intervención na que eloxiou as excelencias dos pementos e a súa importancia como parte do patrimonio gastronómico de Galicia. "Estades facendo patria", díxolles Xulio Mato aos produtores de pemento e ás persoas asistentes a festa. Recordou, ademais, que "nos trinta anos que levo de cociñeiro nunca faltaron os pementos de Herbón na miña carta, mesmo cando traballei fóra de Galicia".

Tras o pregón, levouse a cabo a entrega de premios aos participantes na procesión agrícola, no que foi o último acto da mañá antes de comezar coa multitudinaria degustación da que desfrutaron centos de persoas. Entregaron os galardóns o alcalde, Anxo Arca; o pregoeiro, Xulio Mato; e o empresario Andrés Quintá.

WhatsApp Image 2023 08 05 at 16.29.31

Na carballeira de Herbón, os fogóns funcionaron a pleno rendemento. Fritíronse máis de mil quilos de pementos que foron repartidos ben quentiños en máis de 3.000 racións, que levaban tamén cachelos e broa. Para degustalas, as persoas asistentes tiveron que comprar previamente un prato de barro conmemorativo da festa a un prezo de 3 euros.

As gaitas dos Mersenarios animaron a romaría durante a tarde e a foliada na carballeira, a cargo do grupo Tanto nos Ten, continuará a troula ata ben entrada a noite.

 

 

PadronCaminoEDestino

Contacto

Pode contactar co Concello de Padrón a través dos seguintes medios:

  • Enderezo: Rúa Longa, 27 - 15900 Padrón
  • Teléfono: (+34) 981 810 451
  • Correo electrónico: correo@padron.gal

Outros sitios web de interese

 
 
App Padrn removebg preview
 
Descarga a App de Turismo de Padrón.
Top

Aviso legal - Política de privacidade - Política de cookies - Máis información sobre as cookies

Ligazón temporal á antiga páxina web

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…