-->

O Concello de Padrón rende homenaxe ás 52 mulleres asasinadas este ano en España vítimas da violencia de xénero

O goberno local e a veciñanza colocaron unha flor por cada falecida no monumento en lembranza das vítimas situado na praza da Igualdade  ||  

Mariló Saco: “Dende o goberno de Padrón apostamos pola concienciación colectiva continua, a educación en igualdade e  a unidades social e institucional para traballar cunha son voz”  ||  

A concelleira de Muller e Igualdade foi a encargada de ler o manifesto institucionalinsistindo no compromiso do novo goberno de progreso coa defensa da igualdade e o combate radical de todas as violencias machistas  ||  

20231125 Padron 25N inauguracion monumento a vitimas 11

 

O Concello de Padrón completou esta tarde a ampla programación de actos co gallo da celebración este sábado, 25 de novembro, do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller coa inauguración dun monumento de homenaxe ás vítimas. Baixo o lema STOP á violencia de xénero, foron moitas e moi variadas as propostas que se puxeron en marcha nos últimos días nun 25N pensado e organizado por mulleres co fin de implicar a toda a veciñanza da vila.

A concelleira de Muller e Igualdade, Mariló Saco, inaugurou a placa e o monumento co que o Concello de Padrón quere lembrar ás 52 mulleres asasinadas este ano en España. A medida que se citaban os nomes das vítimas, diferentes persoas asistentes ao acto colocaban unha flor nun gran lazo malva de case dous metros de altura. O acto contou coa presenza do alcalde de Padrón, Anxo Arca, e membros da Corporación, así como coa asistencia do alcalde de Dodro, Xabier Castro, e do portavoz socialista en Rois, Manuel Regueira.

"Con esta escultura pretendemos afianzar un recordo permanente ás vítimas que nos leve á reflexión e a continuar loitando día a día. Para iso desde o Concello de Padrón apostamos pola concienciación colectiva continua, a educación en igualdade así como polas unidades social e institucional para traballar cunha son voz", subliñou Mariló Saco. 

A edil foi a encargada de ler o manifesto institucional no que o goberno local insistiu na mensaxe de que “contra a eiva da violencia de xénero a resposta atópase no feminismo. O feminismo é reparador e transformador", engadiu Saco Vigo quen reiterou o compromiso do novo goberno de progreso coa defensa da igualdade e o combate radical de todas as violencias machistas. 

20231125 Padron 25N entrega premios Concurso escolar Debuxos 15

Ás 19.00 horas, o auditorio municipal acolleu o acto de entrega dos premios do III Certame de debuxos e das placas conmemorativas aos centros educativos. Foron máis de 500 os traballos que participaron nesta edición que, ao igual que nos anos anteriores, están expostos nos escaparates de comercios e locais de restauración da vila padronesa para concienciar fronte á violencia machista.

Os gañadores deste ano no primeiro ciclo foron Carmen Sobrino, de 1ºB do CEIP Flavia, e Clara Viturro, de 2ºB do CEIP Rosalía; no segundo ciclo Virginia López, de 4ºA do CEIP Flavia, e Carla Barreiro, de 3ºB do CEIP Rosalía; e no terceiro ciclo Mariña Sande, de 6ºB do CEIP Flavia e Paula Santiago, de 6ºB do CEIP Rosalía.

A continuación emitiuse o vídeo da campaña do 25N do Concello. Na peza recóllense as experiencias reais de vítimas de maltrato e reflicte tres dos 31 novos casos atendidos polo Centro de Información á Muller Terras de Iria dende o ano 2020. A peza pódese ver nas redes sociais do Concello e do propio CIM Terras de Iria.

Ao rematar a proxección, fíxose un recoñecemento as veciñas de Padrón que colaboraron e participaron neste vídeo poñéndolle voz ás vítimas ou peiteando e maquillando ás protagoniastas. O alcalde e Mariló Saco entregáronlle ramos de flores a Sara Saborido, Begoña Villaverde e Claudia Fernández (esta non puido acudir e recolleu o ramoa Jaime Calvo) e a Silvia Carneiro, de Silvia’s look eco-salón de belleza.

20231125 Padron 25N reconocemento protagonistas video institucional 2

Xa ás 20.00 horas, o público desfrutou tamén no auditorio dun vídeoforum sobre a proxección de Matria, a ópera prima de Álvaro Gago que está protagonizada por María Vázquez e foi gañadora de numerosos premios. Tras visionar a película, Feitoría Verde coordinou un coloquio que versou sobre os roles de xénero e a igualdade.

Con estes actos o Concello de Padrón completou a ampla axenda de citas co gallo do 25N que incluíron, entre outras propostas, a colocación dos sinais de tráfico na estrada de acceso a Padrón, en diferentes rúas da vila, así como na entrada aos centros educativos (CEIP Flavia, CEIP Rosalía de Castro, IES Macías o Namorado e  IES Camilo José Cela). Tamén os escolares e a cidadanía tivo a oportunidade de achegarse ata a praza de Macías onde estaba instalados os puntos de información da campaña Agresión Off da Xunta de Galicia contra as agresións sexuais e fixéronse diversas dinámicas coas nenas e os nenos das escolas de educación infantil do municipio.

Ademais, a Oficina Municipal de Voluntariado de Padrón e a Biblioteca impulsaron o venres día 17 un encontro dos clubs de lectura municipais coa escritora Montse Fajardo Pérez para comentar a súa obra Invisibles.

 

PadronCaminoEDestino

Contacto

Pode contactar co Concello de Padrón a través dos seguintes medios:

  • Enderezo: Rúa Longa, 27 - 15900 Padrón
  • Teléfono: (+34) 981 810 451
  • Correo electrónico: correo@padron.gal

Outros sitios web de interese

 
 
App Padrn removebg preview
 
Descarga a App de Turismo de Padrón.
Top

Aviso legal - Política de privacidade - Política de cookies - Máis información sobre as cookies

Ligazón temporal á antiga páxina web

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…