-->

Padrón dará a benvida ao Nadal co acendido das luces o venres 1 de decembro

  • A instalación, que comezou xa no mes de outubro, converterá á vila padronesa no destino perfecto para gozar en familia e cos amigos 

  • A programación ata o 5 de xaneiro inclúe obradoiros, espectáculos, concertos, as visitas de Papa Noel  e a tradicional cabalgata de Reis

  • O obxectivo é promover o sentido de comunidade, estimular a economía local e atraer visitantes

20231129 luces Nadal Padron1

O Concello de Padrón dará a benvida oficial ao Nadal este venres, 1 de decembro, co acendido das luces ás 18.00 horas polas rúas da vila. A vila prepárase así para vivir unhas datas cheas de luz, de cor e de espírito de Nadal.

A instalación da iluminación comezou xa no mes de outubro co obxectivo de converter á vila padronesa no destino perfecto para gozar en familia, cos amigos e cos milleiros de visitantes que se achegarán durante as festas.

A iluminación con figuras cheas de brillo e de cores transformará Padrón nun escenario encantador que engadirá non só un toque de maxia á vila, senón que tamén forma parte do variado programa de actividades do Concello, que inclúe dende obradoiros, espectáculos e unha morea de citas culturais e de ocio nunha vibrante oferta de entretemento para a cativada e para persoas adultas.

As vindeiras semanas, ata o 5 de xaneiro, serán especialmente intensas en Padrón cunha chea de propostas que comezarán o venres 15 coa actuación de Baobad Teatro que traerá ata o auditorio a peza para o público familiar ‘Palabras’ (18.00 horas). Ao día seguinte, a partir das 19.00 horas, será o momento dunha das citas máis esperadas destas datas co Concerto de Nadal a cargo da Banda de Música Municipal de Padrón.

Como é tradición, os centros educativos de infantil e de primaria recibirán o martes 19 e o mércores 20 a esperada visita de Papá Noel, momento no que os nenos e nenas aproveitarán para darlle as súas cartas coa lista de agasallos. As propostas para a cativada entre os 8 e os 12 anos continúan o día 20 cun obradoiro científico na biblioteca, onde poderán confeccionar unha postal con circuíto electrónico.

Papá Noel e os seus elfos seguirán en Padrón o venres día 22, cunha recepción oficial na praza de Macías para toda a veciñanza.

O amplo e diverso programa de citas deste mes de decembro volve ao auditorio o sábado 23 coa edición número 35 do Festival de panxoliñas Vila de Padrón no que participarán a Coral Abrente, da Pobra do Caramiñal; a Coral Abraira, de Asados (Rianxo), e a Coral Polifónica Padronesa.

Xa o martes 26, o pavillón do Souto encherase de troula e de actividade cos talleres de circo, de colgadores para a árbore e de postais de Nadal. Os nenos e nenas terán a oportunidade ademais de tatuarse nun dos postos que estarán instalados a partir das 18.00 horas.

Continuará a maxia o mércores 27 co espectáculo de Cayetano Lledó nun show especial que de seguro fará gozar a pequenos e maiores no auditorio a partir das 18.00 horas.

Á mesma hora e no mesmo lugar, o xoves 28, representarase ‘O castiñeiro do Apalpador’, unha peza da compañía Fantoches Baj baseada na literatura tradicional na que o Apalpador conta por que no Nadal reparte castañas entre os cativos.

O mes de decembro pechará a súa programación de Nadal en Padrón o día 29 coa posta en escena de ‘Nanai da China’, un espectáculo de teatro a cargo de Pérez & Fernández para o público familiar onde os monicreques e os actores se fusionan para representar un conto orixinal cheo de maxia, aventuras e fume.

Outro dos días grandes para a veciñanza de Padrón será o venres 5 de xaneiro coa tradicional cabalgata de Reis que dende as 17.00 horas percorrerá as rúas da vila.

Ademais, o día 6 de xaneiro o auditorio acollerá o clásico Concerto de Reis a cargo da Banda Municipal de Música de Padrón a partir das 19.00 horas.

Con estas iniciativas, o Concello busca promover o sentido de comunidade, estimular a economía local e atraer visitantes para desfrutar das festividades nun entorno festivo. Padrón prepárase así para vivir unhas datas cheas de luz, de cor e de espírito de Nadal.

A programación de Nadal do Concello conta coa colaboración da Xunta de Galicia e da Rede Cultura da Deputación da Coruña.

Padron Nadal 2023 compri

 

PadronCaminoEDestino

Contacto

Pode contactar co Concello de Padrón a través dos seguintes medios:

  • Enderezo: Rúa Longa, 27 - 15900 Padrón
  • Teléfono: (+34) 981 810 451
  • Correo electrónico: correo@padron.gal

Outros sitios web de interese

 
 
App Padrn removebg preview
 
Descarga a App de Turismo de Padrón.
Top

Aviso legal - Política de privacidade - Política de cookies - Máis información sobre as cookies

Ligazón temporal á antiga páxina web

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…