A concelleira de Turismo de Padrón, Lorena Couso, anuncia que técnicos do Departamento de Turismo participarán no II Fórum do Camiño de Santiago "Fairway", que se celebra desde mañá ata o martes no Palacio de Congresos e Exposicións de Santiago, para promocionar o Camiño Santiago-Padrón.
A copla popular "Quen vai a Santiago e non vai a Padrón, ou fai romaría ou non" é un dos lemas empregados por Turismo de Padrón nos novos folletos promocionais deste itinerario que pretende reforzar o protagonismo da capital do Sar como "berce do Xacobeo".
Este material promocional lembra que desde a Idade Media xa eran moitos os peregrinos que, tras visitar en Compostela as reliquias do Apóstolo Santiago, continuaban a súa viaxe ata Padrón para coñecer a orixe da tradición xacobea. As crenzas relixiosas establecen que foi ao porto de Padrón a onde chegou por mar o corpo do Apóstolo arredor do ano 44, procedente de Haffa (Palestina), posto que fora o punto máis distante no que predicara, concretamente no monte Santiaguiño.
Frechas azuis
Lorena Couso adianta que, ademais de "aproveitar o segundo Fairway para presentarlle ao mundo o Camiño Santiago-Padrón", desde o Departamento de Turismo tamén se está a traballar na sinalización do itinerario, para o que se elixiu unha frecha de cor azul como símbolo identificativo. Ao respecto, indicou que a previsión é instalar máis dunha vintena de frechas azuis desde a glorieta de Conxo, en Santiago, onde tamén irá un panel explicativo elaborado en madeira, e a propia vila de Padrón.
"A instalación destas frechas comezará no termo municipal de Padrón e imos xestionar os permisos necesarios cos demais concellos (Santiago, Ames e Teo) para poder facelo tamén en diferentes puntos deses municipios", explicou a concelleira.