Print this page
-->

O humorista e actor Xosé Antonio Touriñán dará o pregón da Festa da Pascua o 20 de abril

 

O alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, e os concelleiros de Festexos, Ángel Rodríguez Conde, e de Cultura e Turismo, Lorena Couso Dopazo, presentaron hoxe as principais actividades da programación da Pascua de 2019, que celebrará o seu día central o domingo 21 de abril e que terá como pregoeiro nesta edición ao humorista, actor e presentador da TVG Xosé Antonio Touriñán -o sábado 20 de abril, ás 21.00 horas, na Praza de Macías-.

Desde a celebración da primeira actividade o vindeiro sábado 30 de marzo (o I Trofeo de Judo Infantil da Pascua de Padrón) ata a última do 28 de abril, Domingo de Pascuilla (a verbena coas orquestras Gran Parada e Atenas), desenvolveranse máis de 60 actividades musicais, culturais, deportivas e tradicionais, amais das celebracións relixiosas propias da Semana Santa de Padrón.

Entre as actividades máis tradicionais destacan a XLIX Feira-Exposición de Maquinaria Agrícola e Industrial (20 e 21 de abril) e a Feira Cabalar do Domingo de Pascua (21 de abril), que repartirá máis de 5.000 en premios e que incluirá concursos morfolóxicos de poldros, eguas e sementais de Pura Raza Española, Pura Raza Árabe, Pura Raza Galega e cruzados. Ademais, o recinto do Campo da Barca tamén acollerá exhibicións de doma de alta escola, ximnasia acrobática e monta antiga; un concurso de enganche puntuable para o Campionato Galego de Enganche; e o último espectáculo do mediático domador Santi Serra, "Tall Espectacle".

Xunto coas actividades orientadas aos afeccionados ao mundo dos cabalos, os pasarrúas dos xigantes e cabezudos e os máis de 400 postos de venda e de atraccións infantís, Fernández Angueira destacou que outro dos aspectos relevantes será o apartado musical, no que participarán máis dunha trintena de formacións, entre agrupacións folclóricas, bandas de música, orquestras e grupos de rock. Cómpre salientar a actuación de Los Tres Soles del Paraguay e o espectáculo

"Hands", de música, imaxe e pirotecnia o Venres de Pascuilla (26 de abril), a Noite de Rock dos 80 cos grupos La Guardia e La Frontera, o Sábado de Pascuilla (27 de abril) e o XI Festival de Bandas "Capital do Sar", o Domingo de Pascuilla (28 de abril).

Unha decena de modalidades deportivas

O alcalde de Padrón precisou que o deporte é "outro dos ingredientes da programación da Pascua que atraerá a milleiros de persoas" e remarcou que haberá probas dunha decena de modalidades: o I Trofeo de Judo Infantil (30 de marzo), a XII Andaina Bisbarra do Sar (6 de abril), o XXXII Raid Cabalar (13 de abril), Gran Velada de Boxeo (19 de abril), XL Gran Carreira Popular (20 de abril) e a 57ª edición da Clásica de Pascua de ciclismo (27 de abril), ademais de competicións de fútbol sala, xadrez, fútbol base, chave e tenis.

Día de Santiago e Día de Rianxo

No apartado cultural, nesta Pascua de Padrón daráselle continuidade á tradicional irmandade cos concellos de Santiago de Rianxo a través da celebración do Día de Santiago (luns de Pascua, 22 de abril) e do Día de Rianxo (martes de Pascua, 23 de abril). En ambos casos, como marca a tradición, haberá recepción ás corporacións convidadas, xantar de confraternidade e actuacións das respectivas bandas de música municipais.

Por último, o rexedor local anticipou que a programación completa, que incluirá algunha novidade adicional, comezará a divulgarse ao longo da vindeira semana na páxina web e nas redes sociais do Concello e a comezos de abril a través da distribución do tradicional Libro da Pascua.

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…