Print this page
-->

O Concello de Padrón programa unha vintena de actividades co gallo da Romaría do Santiaguiño do Monte

 

O Concello de Padrón presentou hoxe a vintena de actividades que programará desde este venres ata o día 26 de xullo co gallo da celebración da Romaría do Santiaguiño do Monte e que inclúen desde unha ampla oferta de actuacións e estilos musicais (pop, rock, folk, jazz e música electrónica) ata espectáculos de maxia e teatro infantil para un público máis familiar. No apartado institucional, cómpre destacar que a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, será distinguida o día 24 ao remate da Misa do Peregrino, como terceira Peregrina de Honra e, como tal, recibirá o agasallo "Padrón, Berce do Xacobeo".

As actividades previstas arrancarán este venres 19 ás 20.30 horas coa actuación de Perfect Strangers (versións pop rock) na rúa Longa e continuarán ás 22.00 horas na Praza de Macías co espectáculo de teatro musical "Carapuchiña vermella", a cargo de Educateatro Producións. Tamén dentro do ciclo "Música a pé de rúa", o rap de Proyecto Khimera pechará a programación do venres cunha actuación na rúa Longa desde ás 23.30 ata a 1.30 horas.

O sábado 20, dentro do ciclo "Música a pé de rúa" actuarán Os Meninos (fados e jazz) de 13.30 a 15.00 horas no Paso do Espolón; Kings of the beach (punk rock), de 23.00 a 00.30 horas, na rúa Herreros; e Músculo (música electrónica), de 00.30 a 2.00 horas, tamén na rúa Herreros. Xa o domingo 21, o estilo da música folk chegará á Praza do Castro de 13.00 a 14.30 horas con H2folk e, pola tarde, de 20.30 a 22.30, Dani Barreiro & Friends interpretarán versións de temas pop-rock.

Na xornada do luns 22, o público infantil e familiar poderá desfrutar con Uxía Lambona e a Banda Molona de 20.30 a 21.45 horas no parque infantil e ás 22.00 horas, co espectáculo de maxia e monicreques "Sin Salabín", a cargo do Mago Javier Muro, na Praza de Macías. O martes, tamén para o público familiar, a Praza de Rodríguez Cobián acollerá o espectáculo "Puño puñete", de Baobad Teatro.

Misa do peregrino

Na véspera do día grande da Romaría do Santiaguiño do Monte, o mércores 24 celebrarase a tradicional Misa do Peregrino ás 13.00 horas na igrexa parroquial de Padrón e, ao remate, a directora da Axencia Turismo de Galicia recibirá o galardón "Padrón, Berce do Xacobeo" como terceira Peregrina de Honra, tras Pepe Domingo Castaño (2017) e Manuel Garrido (2018). No serán, a actuación e un pasarrúas do grupo folclórico Rosalía de Castro precederán ao Derbi Asnal 2019, que comezará ás 20.30 horas. A continuación, Fondo de Vila acollerá ás 22.30 horas o concerto de Milladoiro, que presenta o seu disco "Atlántico" e ás 24.00 horas, o concerto de Mitic.

A animación continuará na madrugada do día 25 co festival de música electrónica Santiaguiño do Monte OPEN AIR, que incluirá a partires das 4.00 horas unha sesión do Dj Darkrow e doutros Dj´s que continuarán ata a sesión vermú, actuando ás 13.00 horas os grupos La pistola del manco e Pablo Balseiro. De xeito paralelo, ás 9.45 horas sairá a travesía de paddle surf desde a desembocadura do río Sar ata o Espolón, baixo a organización do Club Marea Surf School. Para as 11.00 horas está prevista a subida en procesión ao Santiaguiño do Monte, contando con servizo de transporte adaptado para persoas con mobilidade reducida, e ás 12.00 e as 13.00 horas oficiaranse unha misa solemne e a misa grande, respectivamente. Ás 13.30 horas prepararase unha gran sardiñada, co reparto gratuíto de sardiñas e pan de millo, e tralo xantar, ás 16.00 horas, darán comezo diferentes actividades lúdicas, cunha zona de xogos, unha festa da escuma, etc. A baixada en procesión desde o Santiaguiño do Monte está programada para as 20.00 horas.

Fotografía de Paco Costa e maior colaboración co festival Asnot

O concelleiro de Festexos, Ángel Rodríguez Conde, agradeceu a colaboración do fotógrafo padronés Paco Costa pola cesión da fotografía que ilustra o cartel destas festas e, en relación coas actividades programadas, manifestou que "pretenden agradar a tódolos públicos e por iso non só se tocan múltiples estilos nas actuacións musicais, senón que tamén se ofrecen espectáculos para os nenos e a familia en xeral". Ao mesmo tempo, resaltou que as actividades estarán repartidas en diferentes zonas do casco histórico, como Fondo de Vila, rúa Longa, rúa Herreros, Praza do Castro Praza de Rodríguez Cobián, Praza de Macías e o Paseo do Espolón, para "favorecer a dinamización de toda a vila". Ademais, Rodríguez Conde salientou que nesta edición a Concellaría

de Festexos incrementará a súa colaboración coa organización do festival Asnot, tanto no ámbito da loxística como economicamente. Os promotores deste festival programaron para o mércores 24 oito actividades, que comezarán ás 10.00 horas coa apertura dunha Casa de Apostas no "Hipódromo", o cambio de moedas "cuin" e a apertura do "Flea Market". A partires das 11.00 horas está previsto un paseo con burros "A paso lento" polas rúas do casco vello e ás 12.00 terá lugar o "Brincasnot", consistente nun certame de saltos con burros de pau.

A música no Asnot chegará ás 13.30 horas na sesión vermú a cargo de Dixie Jazz Band, que repetirá actuación ás 19.30 horas no "Hipódromo". Previamente, ás 19.00 horas a raíña da Casa Real dará unha "volta real" polas rúas do casco vello e xa pola noite, ás 22.00 horas Momo ofrecerá "o mellor tributo a Queen de Europa" e ás 24.00 horas o grupo Broken Peach porá fin coa súa música rock e soul ao Asnot 2019.

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…