Print this page
-->

O Concello de Padrón distingue a Nava Castro como terceira Peregrina de Honra

 

O alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, foi este mediodía o encargado de entregarlle á directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, o galardón "Padrón, berce do Xacobeo", que a acredita como terceira Peregrina de Honra do Concello de Padrón, despois de Pepe Domingo Castaño (2017) e Manolo Garrido (2018).

Ao remate da tradicional Misa do Peregrino na igrexa de Padrón, Fernández Angueira lembrou que este recoñecemento persigue tres obxectivos: "divulgar e poñer en valor a relevancia histórica de Padrón no contexto xeral da tradición xacobea", "tributarlle un recoñecemento simbólico aos peregrinos que a día de hoxe xa forman parte da idiosincrasia e da vida cotiá de Padrón" e "darlle visibilidade ao agradecemento que o pobo de Padrón lle debe a algunhas persoas que apórtanlle moito a este pobo no ámbito do turismo, a promoción e a recuperación da historia e tradicións locais".

Neste apartado, o rexedor local destacou a Nava Castro como "unha persoa que cumpre co seu cometido profesional, pero faino cun plus de entrega, de implicación persoal, cunha atención e amabilidade exquisita e, sobre todo, cun sorriso". "Do seu labor e da súa profesionalidade dependen a promoción da nosa terra en todo o mundo e que Galicia sexa percibida cada vez máis como un destino aínda máis apetecible", engadiu.

Fernández Angueira rematou a súa intervención apelando á axuda da directora da Axencia Turismo de Galicia para "conseguir o recoñecemento e a oficialidade que merece a Pedronía, esa peregrinaxe que facían historicamente os peregrinos que chegaban a Compostela para seguir ata Padrón coa finalidade de coñecer o lugar onde chegara o corpo sen vida do Apóstolo Santiago procedente de Palestina".

Xa pola tarde, as actividades enmarcadas na programación da Romaría do Santiaguiño do Monte continúan co festival Asnot, o derbi asnal -no que participarán 15 burros, previa revisión por parte dun veterinario- e os concertos de Milladoiro e Mitic en Fondo de Vila.

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…