Print this page
-->

O III Trail Vila de Padrón "Desafío Vértice" cita o sábado a centos de atletas nos montes da zona

 

O alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, e o concelleiro de Deportes, Ángel Rodríguez Conde, presentaron esta semana xunto co directivo do Club de Montaña Vértice Hugo Arias Álvarez o III Trail Vila de Padrón "Desafío Vértice", que pasado mañá sábado reunirá a preto de medio milleiro de atletas nos montes da contorna de Padrón para disputar dúas probas puntuables para a Copa de Carreiras por Montaña da Federación Galega de Montaña.

Este trail constará dunha proba cun percorrido de 21 quilómetros e doutra cun percorrido de 13 quilómetros. Ambas realizarán unha saída conxunta ás 17.00 horas desde a aldea da Grela, no Concello de Teo. Desde alí, os participantes avanzarán por sendeiros e cortalumes polos montes de Lampai camiño do monte Meda, que será a cima da carreira.

"Os organizadores destacan que este trail é todo un desafío para os atletas, xa que deberán seguir os sendeiros máis técnicos dos montes de Lampai, nunha das carreiras por montaña máis espectaculares de Galicia, tanto polo traxecto como pola post-carreira", afirmou Rodríguez Conde.

Unha vez rematadas as probas, ás 21.00 horas pecharase o control de meta e os participantes gozarán dun ágape na Praza de Macías, onde tamén se realizará o acto de entrega de trofeos, que será amenizado polo cantautor Ricardo Parada.

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…