-->

O Concello de Padrón colaborou con dúas empresas de telefonía para instalar fibra óptica no centro e nas zonas rurais

Máis de 3.600 fogares e empresas de Padrón terán proximamente acceso á internet a través da tecnoloxía de fibra óptica. O Concello de Padrón xestionou e colaborou con dúas empresas do sector da telefonía –Orange e Telefónica- para o desenvolvemento deste proxecto. O Executivo local fixou un prazo de aproximadamente tres meses para rematar este plan mediante o que a cidadanía de Padrón accederá ás comunicacións fixas máis avanzadas do mercado.  O concelleiro de Servizos, Ángel Rodríguez, explicou que “investir en telecomunicacións é moi necesario, xa que numerosas actividades do noso día a día hoxe ocorren a través de internet, e incluso o éxito de moitas empresas dependen desta plataforma. Dende o Concello de Padrón buscamos facilitar en todo momento a vida da cidadanía desta vila, e iso implica adaptarse aos novos tempos.”

Esta iniciativa desenvolverase en numerosos lugares do Concello, practicamente todo o centro terá acceso a esta rede, ao igual que lugares como A Igrexa, Herbón, Extramundi de Abaixo, Vilar, Berxaos, Outeiro, Rial, Ribadulla, Sande, Sinde, Sobrerrivas, Baiuca, Vigo, Cortiñas, Rego da Manga, Santa Cruz, Aduana, Barco, Cambelas, Paraíso, Pousa, Rueiro, Calzada, e Lamas. Este mapa previsto no Plan actual poderá ampliarse posteriormente a máis zonas do municipio, tal como solicitou o executivo local.

Recentemente, o concelleiro de Servizos mantivo unha reunión co director territorial de Relacións Institucionais de Orange na zona norte para coñecer o estado da instalación deste sistema no casco histórico de Padrón. O responsable da compañía en Galicia explicou que realizarán o 95% do despregue por canalización existente, e apuntou que fixeron unha inversión de 465.000 euros para esta iniciativa. Pola súa banda, o equipo técnico de Telefónica detallou que, no seu caso, tamén priorizaron o canleado a través das canalizacións subterráneas. E só nos casos nos que non existise canalización dispoñible, o despregue se realizará por tendidos aéreos por postes ou en trazados por fachada.

A instalación desta rede é gratuíta para o Concello e a cidadanía, e non supón ningún compromiso de contratación posterior dos servizos por parte dos habitantes de Padrón. Ademais, as dúas operadoras de telefonía quixeron evitar molestias aos residentes, e por iso minimizaron ao máximo a obra civil que están desenvolvendo.

A fibra óptica implica unha gran velocidade na transmisión de datos, permite recibir varias canles simultaneamente e, grazas a que o sinal é inmune as interferencias externas, a súa calidade e a súa capacidade son excelentes. Asemade, o seu sistema é o máis seguro na transmisión de datos.

Vantaxes da fibra óptica

O despregue de banda ancha supón unha serie de beneficios para a cidadanía e o tecido empresarial de Padrón, especialmente, para o desenvolvemento económico da vila. O obxectivo é que esta iniciativa poda xerar un efecto positivo sobre a produtividade da economía padronesa. En consecuencia, a fibra pode frear a despoboación das zonas menos desenvoltas e pode reverter a situación de decrecemento demográfico. Na actualidade, dada a situación xerada pola pandemia da Covid-19, o teletraballo é unha necesidade para as empresas, polo que este tipo de medidas tamén contribúen a fomentar e a facilitar os hábitos e as relacións laborais actuais.

 

PadronCaminoEDestino

Contacto

Pode contactar co Concello de Padrón a través dos seguintes medios:

  • Enderezo: Rúa Longa, 27 - 15900 Padrón
  • Teléfono: (+34) 981 810 451
  • Correo electrónico: correo@padron.gal

Outros sitios web de interese

 
 
App Padrn removebg preview
 
Descarga a App de Turismo de Padrón.
Top

Aviso legal - Política de privacidade - Política de cookies - Máis información sobre as cookies

Ligazón temporal á antiga páxina web

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…