Print this page
-->

O comercio do concello de Padrón incrementa a súa visibilidade a través do marketplace posto en marcha polo Executivo local

O comercio do concello de Padrón incrementa a súa visibilidade a través do marketplace impulsado pola concellaría de Turismo. No mes de setembro o equipo deste departamento lanzou unha nova plataforma online para promocionar os produtos e ofertas dos distintos establecementos de comercio do municipio. Trátase dunha iniciativa incluída no Plan de Reactivación do Turismo e do Comercio elaborado pola Concellería de Turismo de Padrón para os anos 2020 e 2021, tendo en conta o Plan de Acción Padrón 2017-2022.

“Animo a todas as persoas que dirixen un comercio en Padrón a darse de alta nesta plataforma para mellorar as vendas do seu negocio, posto que deste xeito poderán informar a toda a súa posible clientela de todas as ofertas que teñan vixentes e, sen dúbida, fomentarán as compras”, incidiu Lorena Couso, concelleira de Turismo.

Dende o Concello afondan en diferentes propostas para axudar ao tecido empresarial e ao grupo de comerciantes e de hostaleiros da vila a saír adiante ante a crise da pandemia da Covid-19

A nova plataforma, na que os distintos comercios de Padrón poderán anunciar os seus produtos e ofrecerlles un interesante abano de opcións aos seus potenciais clientes, está instalada na páxina web www.padronturismo.gal.

Rexistros no marketplace

A nova ferramenta online xa está dispoñible - https://marketplace.padronturismo.gal/engadir-negocio/ - para que rexistren os seus negocios. Unha vez na web, deberán acceder ao apartado ‘ENGADIR COMERCIO’, e dende aí cubrir o formulario de inscrición así como engadir fotos e información adicional –nome, datos de contacto, actividade, redes sociais, fotografías, horario, promocións, ofertas, etc-  para que, posteriormente, se valide por parte da Oficina de Turismo.

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…