-->

O Consello da Xunta autoriza a colaboración co Concello de Padrón para ampliar a rede de saneamento cun investimento de 1,15 millóns de euros

O Consello da Xunta autorizou hoxe o convenio de colaboración co Concello de Padrón para a ampliación da rede de saneamento do municipio coruñés, que suporá un investimento de 1,15 millóns de euros. Trátase de executar unha rede de colectores e catro estacións de bombeo de augas residuais nos núcleos de Herbón, Lestido, A Aduana e O Paraíso. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, cofinanciará a actuación nun 80%, achegando 920.000 euros. O Concello de Padrón contribuirá ao financiamento do 20% restante, destinando 230.000 euros.

Unha vez autorizado polo Executivo autonómico e asinado este acordo, Augas de Galicia estará en disposición de licitar as obras, que teñen un prazo de execución de seis meses. A actuación será financiada pola Unión Europea, no marco do eixe REACT UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión á pandemia da Covid-19. A entidade local asume tamén a realización das xestións pertinentes para posibilitar a execución das obras, así como a recepción, mantemento e conservación das actuacións que se leven a cabo.

Actuacións que se executarán

Mediante o convenio autorizado hoxe polo Executivo autonómico, desde Augas de Galicia executaranse as obras necesarias de ampliación da rede de saneamento existente, de modo que se conecten á rede xeral para posteriormente ser conducidas ata a estación depuradora de Padrón as augas residuais xeradas en Herbón, así como nos núcleos do Barco, Lestido, O Piñeiro, Vista Alegre, A Aduana, O Pombal, O Muelle e O Paraíso, da parroquia de Iria Flavia.

A intervención proxectada consiste na ampliación da rede de saneamento existente mediante unha serie de colectores por gravidade executados en tubaxe de PVC de diámetros 315, 400 e 500 mm. Ademais, prevense 4 estacións de bombeo (EBAR) nos puntos baixos: nos núcleos de Herbón, Lestido, A Aduana e O Paraíso. As impulsións proxéctanse en polietileno de 90 mm de diámetro.

As estacións de bombeo serán prefabricadas, de sección circular e diámetro interior 1.000 mm e aloxarán 1+1 bombas somerxibles. Irán equipadas con arqueta previa para cestón de grosos e aliviadoiro. O bombeo de Herbón precisará un “calderín” antiariete de volume 150 litros. Tamén será necesario tramitar novas acometidas eléctricas para as catro estacións de bombeo.

Coa rede proxectada por Augas de Galicia, darase servizo a unha poboación de 669 habitantes para o ano horizonte 2044. O Goberno galego mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito eficaz as súas responsabilidades nos servizos de saneamento, depuración e abastecemento, e continuar mellorando a calidade de vida da poboación galega no medio rural.

 

PadronCaminoEDestino

Contacto

Pode contactar co Concello de Padrón a través dos seguintes medios:

  • Enderezo: Rúa Longa, 27 - 15900 Padrón
  • Teléfono: (+34) 981 810 451
  • Correo electrónico: correo@padron.gal

Outros sitios web de interese

 
 
App Padrn removebg preview
 
Descarga a App de Turismo de Padrón.
Top

Aviso legal - Política de privacidade - Política de cookies - Máis información sobre as cookies

Ligazón temporal á antiga páxina web

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…