Print this page
-->

O Concello de Padrón instala unha columna para reparación de bicicletas na área para caravanas da rúa Vila de Rianxo

O Concello de Padrón vén de instalar unha columna multiservizo para a reparación gratuíta de bicicletas, que está dispoñible de forma totalmente gratuíta para a veciñanza na área de servizos para caravanas, emprazada na rúa Vila de Rianxo, detrás do campo de fútbol do Souto. Este poste reparador de bicicletas dispón dun inflador de rodas e ferramentas para facer pequenas reparacións nos vehículos, o que de seguro axudará ás persoas usuarias deste medio de transporte.

A concelleira de Deportes, Lorena Couso, explica que a posta en marcha deste servizo responde “ao compromiso do Concello de Padrón pola mobilidade sostible, coa finalidade de fomentar o uso da bicicleta entre os nosos veciños e veciñas xa que estamos convencidos de que iso redunda en beneficios tanto para a propia cidadanía como para o municipio, xa que combina hábitos de vida saudables co respecto ao medioambiente”.

Características

O poste de reparación de bicicletas instalado en Padrón dispón dun soporte para bicicletas, o que facilita os traballos que se realicen no vehículo. Para iso, dispón dun xogo de oito ferramentas diferentes (desparafusadores, chaves Allen, pancas para os pneumáticos...) coas que a persoa usuaria pode acometer calquera actuación de reparación na bicicleta. Así mesmo, conta cunha bomba para o inchado das rodas, cun manómetro para controlar o inchado e unha mangueira axeitada para case todos os tipos de válvulas de bicicleta.

A maiores, dispón dunha estación de lavado para eliminar o lixo da bicicleta cunha bomba e unha mangueira pulverizadora de alta calidade. A persoa usuaria pode configurar o tempo de pulverización dun xeito doado.

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…