Print this page
-->

O Saborea Padrón arrinca na tarde de mañá venres con dez establecementos participantes e once tapas a degustar en catro xornadas

As xornadas gastronómicas “Saborea Padrón”, que reúnen a dez establecementos con 11 propostas culinarias, darán comezo mañá venres 5 de novembro, entre as 20:00 e as 23:00 horas. Durante catro días (5, 6, 12 e 13 de novembro) o público poderá degustar as 11 tapas dispoñibles, a un prezo de 2,5 euros cada unha, e concursar elixindo a súa tapa favorita.

A concelleira de Turismo, Lorena Couso, agradece a participación dos hostaleiros locais e amosouse convencida de que “estas xornadas gastronómicas servirán para promover e poñer en valor a hostalería padronesa, que conta cunha grande calidade. Agardo que non so os veciños e veciñas de Padrón, senón moita xente da nosa contorna, se acheguen por Padrón durante as dúas próximas semanas para desfrutar das propostas deste ano”.

Tapas para todos os gustos

Os locais e as propostas participantes en “Saborea Padrón 2021” son: Panadería San José (cunha tapa infantil: Muffin “Trasnos de Outono”; e outra para adultos: pastel “Cabaciña do Camiño”), Taberna A Filoxera (“A pescada do Pedrón”), Bámbola (“Tosta Peregrina”), Café Cultural Airiños (“A Pedronía de Frida e Rosalía”), Café Século XX (“Espiritual”), Pulpería Rial (“A Coroa de Santiago”), Restaurante Chef Rivera (“Moito porco no Camiño”), Restaurante O Santiaguiño (“Primus Portus Apostoli”), Retro Visor (“Cocido do Camiño”) e Ruta Xacobea (“Ruteira”).

O público poderá elixir entre distintas propostas con produtos típicos (polbo, marisco, cogomelos, cocido...), carnes, pescada, doces... O custe das tapas será de 2,5 euros e a degustación terá lugar ao longo de catro xornadas: os venres 5 e 12 de novembro, en horario de 20:00 a 23:00 horas, e os sábados 6 e 13 de novembro, en horario de 13:00 a 15:00 horas e de 20:00 a 23:00 horas. A única excepción será a Panadería San José, cuxo horario será de 12:00 a 20:30 horas (os venres) e de 11:00 a 15:00 horas (os sábados).

Premios

Todas as persoas que desexen participar no concurso de tapas deberán recoller o seu “Pasaporte” na Oficina de Turismo Municipal de Padrón ou en calquera dos establecementos participantes. Un documento que deberán selar en, cando menos, tres locais participantes despois de consumir cadansúa tapa. Despois, deberá votar pola súa tapa favorita: puntuando de 1 a 3 puntos (sendo 1 a puntuación máis baixa e 3 a máis alta).

Entre todas as persoas participantes, o Concello de Padrón sorteará un vale por 100 euros para consumir no establecemento gañador e 3 vales de 50 euros para consumir no establecemento participante que elixa a persoa gañadora.

Actividades paralelas

Paralelamente ás xornadas gastronómicas, a Panadería San José e o Concello de Padrón organiza “DesTapa o enigma do Camiño”, un xogo de pistas que percorre os dez establecementos que participan no “Saborea Padrón”. A primeira persoa que consiga superar todas as probas e descifrar o enigma gañará unha cesta con produtos de Nadal de Panadería San José valorada en 100 euros.

Para participar haberá que partir da Pandería San José, para recoller a cartilla de concursante e as instrucións do xogo, para despois percorrer os locais participantes no “Saborea Padrón 2021” pola orde marcada. Tras consumir a tapa, haberá que selar a cartilla do concurso e pedir o sobre coas pistas para destapar o enigma. Unha vez descifrado o enigma, a persoa participante deberá anotarse como finalista no 646 281 832 e depositar a solución nun sobre a entregar na Panadería San José antes do 18 de novembro. Ese día, ás 12:00 horas, abriranse os sobres e gañará a resposta máis parecida ao enigma orixinal.

Así mesmo, o “Saborea Padrón 2021” compartirá escenario con outros dous eventos: o Magosto Foliadero da AFC O Pedrón, que terá lugar o sábado 6 de novembro, a partir das 19:30 horas, na praza de Rodríguez Cobián; e o Mercado de Artesanía, Antigüidades e Coleccionismo de Padrón, que terá lugar o venres 4, de 16:30 a 20:30 horas, e o sábado 5 e domingo 6 de novembro, de 10:00 a 20:30 horas, no casco vello de Padrón.

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…