Print this page
-->

Teatro, contacontos e dúas escape-room centran o programa do Concello de Padrón para conmemorar o 25 de novembro

O Concello de Padrón, a través do CIM Terras de Iria, ten preparada unha ampla programación especial para a semana do 22 ao 27 de novembro para conmemorar o 25 de novembro, día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres. Un programa que inclúe dúas sesións teatrais, dúas escape-room para crianzas, un contacontos... entre outras actividades.

A programación abrirase o luns 22 de novembro, ás 19:00 horas, co acendido do alumeado de cor lila nos monumentos máis emblemáticos do concello. O martes 23 e o mércores 24 de novembro, ás 10:00 horas, programaranse dúas escape-room lúdicas-educativas contra a violencia de xénero nas que participarán o alumnado de 1º e 2º da ESO do IES Macías o Namorado e do IES Camilo José Cela.

Unhas actividades que complementan aos obradoiros pola igualdade que ven realizando o CIM Terras de Iria dende o mes de outubro co alumnado de infantil do CEIP de Flavia e das unitarias de Queiruga, Extramundi, A Ponte e Retén.

Actividades abertas ao público xeral

O resto das actividades terán lugar no auditorio municipal de Padrón, abertas á participación de calquera persoa. Así, o mércores 24 de novembro, ás 18:00 horas, Raquel Queizás porá en escena “Travesías”, un espectáculo de narración oral con monicreques dirixido a un público familiar. O venres 26 de novembro, ás 19:00 horas, Malasombra Teatro porá en escena a obra “Bernarda”, candidata ao mellor espectáculo dos Premios Max 2021.

Ao rematar a actuación, ás 20:30 horas, terá lugar o acto institucional do Concello de Padrón con motivo do 25 de novembro, que incluirá a entrega de premios ao alumnado gañador do primeiro certame de debuxos con motivo do día internacional para a eliminación da violencia contra a muller.

A programación especial do CIM Terras de Iria rematará o sábado 27 de novembro, ás 19:00 horas, coa posta en escena de “Feminíssimas”, da compañía Ste Xeito Producións. Unha programación que conta coa colaboración do Concello de Padrón, da Secretaría Xeral de Igualdade, do Ministerio da Igualdade e da Unión Europea.

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…