Print this page
-->

O Mombús Obradoiro e o Rotogal Boiro Voleibol comprométense co proxecto "Sana el Hoy", que desenvolve o Concello de Padrón

O deporte de alto nivel súmase ao proxecto Sana el hoy, un programa educativo posto en marcha polo Concello de Padrón para promover unha alimentación e hábitos de nutrición saudables entre os nenos e nenas de 1º a 6º de Primaria do CEIP Flavia e no CEIP Rosalía de Castro. Xogadores do Mombús Obradoiro amosaron o seu compromiso co proxecto levando as pulseiras verdes coa lenda “Sana el Hoy, vive el mañana”, mentres que xogadores do Rotogal Boiro Voleibol mesmo visitaron os CEIP Flavia e Rosalía de Castro.

Así, Eloy Figueira Rial, docente do programa Sana el Hoy, impartiu catro sesións sobre alimentación e movemento acompañado polos xogadores do Rotogal Boiro Voleibol José Carlos Romero e Renan Levandoski (no CEIP Rosalía de Castro) e dos xogadores Gaby del Carmen y Gaspar Bitar (no CEIP Flavia), así como polo adestrador Marcelo Benavídez. Nelas, explicaron os beneficios dunha correcta nutrición á hora de combater a obesidade infantil e a diabetes temperá.

Eloy Figueira explica que “o proxecto pretende inculcar entre os escolares e os seus pais a importancia das boas prácticas nutricionais para conseguir unha boa saúde. As actividades inclúen charlas e accións didácticas cuxo obxectivo é transmitir recomendacións e advertencias nutricionais que axudarán tanto ao alumnado como ás súas familias a vivir máis e mellor”. Neste sentido, a concelleira de Cultura, Lorena Couso, sinala que “en Padrón decidimos centrarnos no alumnado de Primaria xa que nesa franxa de idade é na que resulta máis sinxelo crear uns hábitos que poidan implantarse e seguirse durante toda a vida”.

Apoio co comercio local

O programa arrincou o pasado mes de outubro nos dous centros escolares padroneses a través de sesións educativas que inclúen xogos, adiviñas e concursos. O alumnado mellor puntuado neses concursos recibe unha pulseira como a que locen os xogadores do Mombús Obradoiro e que lles dá dereito a un desconto dun 10% das súas compras nos 18 establecementos locais que se sumaron ao proxecto e que están identificados co cartel “Sana el Hoy, vive el mañana”.

Os 18 establecementos participantes son: A tenda de María, Peluquería-Barbería A de Aarón, Calzados Noya, Elefantes e Castelos, Bianco Kids, Berma, Librería Sar, Vicente Domínguez Fotógrafo, Camden Town, Joyería Cortiñas, Sweet Sytle, O Liño, Óptica Afflelou, Almacenes Eladio, Deportes Estornela, Toysa, Jugueterías Tatino e Peluquería Karol.

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…