Print this page
-->

Padrón divulga os seus vínculos xacobeos con visitas teatralizadas e intervencións artísticas

  • O programa 'Padrón: o teu camiño, o teu destino' presentouse á terceira convocatoria de subvencións de O teu Xacobeo //

  • As actividades diríxense a centros escolares, veciñanza, visitantes e peregrinos //

O Concello de Padrón está a preparar un ambicioso programa de actividades de cara a esta temporada primavera-verán co ánimo de seguir captando visitantes, á vez que lles ofrece ás propias padronesas e padroneses distintas iniciativas que lles permitirán mergullarse na historia e nos diferentes atractivos do municipio. O programa, denominado ‘Padrón: o teu camiño, o teu destino’ e impulsado dende a Concellería de Turismo que dirixe Lorena Couso, presentouse á terceira convocatoria do plan de subvencións O teu Xacobeo, co que a Xunta quere involucrar a toda a poboación de Galicia na celebración do Ano Santo a través de propostas vencelladas ao fenómeno xacobeo.

As primeiras actividades se iniciarán en maio e teñen como destinatario ao alumnado dos diferentes centros educativos de Padrón. Por un lado, os escolares participarán en paseos guiados con Dona Pedronía, unha personaxe que integra elementos do Concello de Padrón e do Camiño de Santiago e que ten como obxectivo axudar a promover e divulgar a ruta xacobea ao seu paso polo municipio entre o público infantil. As visitas refórzanse con fichas de material escolar co que nenas e nenos traballarán nas aulas. 

Por outro lado, os centros educativos se achegarán os mércores ao Xardín Botánico para asistir a unha representación teatral de Os Quinquilláns centrada no amor truncado entre o trovador Macías o Namorado e dona Elvira, que servirá de excusa para coñecer tanto unha das principais figuras literarias vencelladas a Padrón como un dos espazos botánicos máis relevantes de Galicia. Estas visitas teatralizadas abriranse os sábados ao público en xeral.

O éxito de anteriores edicións leva a incluír tamén entre as propostas as visitas guiadas polo actor Suso Martínez interpretando o papel de Sisnado, bispo de Iria Flavia que se opuxo aos viquingos no século X. O itinerario, que comeza na igrexa de Santa María de Iria e remata no casco histórico de Padrón, percorre os principais elementos xacobeos da localidade.

Así mesmo, o programa da Concellería de Turismo recolle dúas iniciativas artísticas. Unha delas consiste nunha intervención do recoñecido muralista Yoseba Muruzábal sobre unha estrutura de formigón localizada no Camiño de Santiago ao seu paso por Padrón. A outra é unha exposición da pintora Loreto Blanco, que se centrará no fenómeno xacobeo e que poderá verse na Fundación Cela.

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…