Print this page
-->

O noiés Manuel López Rodríguez gaña o oitavo certame poético Rosalía de Castro

O poeta e editor noiés Manuel López Rodríguez é o gañador da oitava edición do certame poético Rosalía de Castro coa obra Neste mesmo intre. O xurado, reunido onte pola mañá no Concello de Padrón, destaca a “gran riqueza de imaxes” coa que López logra recrear unha Compostela extinta na que se producen certos achádegos literarios.

A obra de Manuel López, presentada co lema ‘A campesiña do Ensanche’, foi seleccionada por maioría entre as dezanove que este ano se presentaron ao certame Rosalía de Castro. O xurado, presidido polo alcalde de Padrón, Antonio Fernández, contou como vogais coa concelleira Lorena Couso; o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira; o profesor do IES Macías O Namorado Manuel Lorenzo Bailerón, e os poetas Elvira Ribeiro, Miriam Ferradáns e Rafa Vilar, gañador do última edición deste galardón con O sal dos días.

Manuel López Rodríguez conta cunha dilatada traxectoria que iniciou no instituto aos 16 anos. Figura moi activa no eido da cultura e da poesía, fundou diferentes grupos literarios e tertulias, ademais de organizar encontros ou ser o gañador de premios de poesía como o Suso Vaamonde, Avelina Valladares ou Lueiro Rey. No presente ano 2022 fíxose tamén co certame de poesía Francisco Añón.

O alcalde padronés, Antonio Fernández, felicitou ao gañador e volveu resaltar o compromiso de Padrón coas letras, facendo do municipio un dos grandes referentes literarios en Galicia. Lembrou que o Concello impulsa, ademais do certame Rosalía de Castro de poesía, os premios Camilo José Cela de novela e Maruxa Villanueva de interpretación teatral. “Seguiremos colaborando coa Fundación Rosalía de Castro para que este certame acade cada ano maior proxección e relevancia, como está a acontecer. É inevitable que, ao falar de Padrón, se recorde a Rosalía ou a Cela, do que esta mesma semana vimos de celebrar o seu 106 aniversario. Pero a nosa tradición literaria está tamén moi presente na vila con Macías o Namorado, un trovador medieval, e a nosa intención é que teña continuidade no futuro cunha aposta firme pola cultura”, sinalou o alcalde.  

A celebración das Letras Galegas o vindeiro martes e o xacobeo 2022 son a excusa perfecta para continuar desenvolvendo nos próximos meses un ambicioso programa que inclúe presentacións literarias, unha nova ruta de sendeirismo inspirada ‘En las orillas del Sar’ de Rosalía, unha nova sesión de tertulias clandestinas con Camila Trulock ou visitas teatralizadas con Macías o Namorado como protagonista.

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…