Print this page
-->

Rueda presenta en Padrón a ampliación da rede de saneamento cun investimento de 1 millón de euros

O presidente da Xunta salienta a importancia da Lei do ciclo integral da auga para axudar aos concellos a xestionar os seus servizos de xeito ordenado e planificado  ||  

Felicita ao Concello de Padrón por situar as infraestruturas e os servizos hidráulicos como prioridade  ||  

A Xunta aporta 800.000 euros para financiar o proxecto e o Concello outros 200.000  ||  

O alcalde agasalla con pementos de Padrón ao presidente e á conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez  ||  

20220530 Padron Saneamento 12

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, presentou esta mañá en Padrón o proxecto de ampliación da rede de saneamento municipal, e que representa un investimento de un millón de euros, dos que o Goberno galego aporta 800.000 e o concello outros 200.000 euros. Rueda estivo acompañado polo alcalde de Padrón e a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, quen informou que 12 empresas presentaron ofertas para executar as obras, que espera estean en marcha a principios de 2023 e rematadas o ano que vén.

Durante a presentación do proxecto, á que tamén asistiron o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor; Rueda recordou que o Goberno galego leva investidos máis de 1.100 millóns de euros para dotar a Comunidade de infraestruturas para o abastecemento e a axeitada depuración.

Na súa intervención, o presidente da Xunta destacou a importancia da Lei do ciclo integral da auga, nestes momentos en tramitación parlamentaria, para axudar aos concellos a xestionar os seus servizos de xeito ordenado e planificado. “Queremos ofrecerlles aos concellos ser os seus aliados nesta materia para ofrecer unha solución global á xestión dos vertidos e á calidade das augas”, dixo, incidindo en que esta norma ten como obxectivos prioritarios: axudar aos concellos nas súas responsabilidades e regular de xeito homoxéneo e igualitario o apoio técnico e económico da Xunta aos municipios, especialmente aos máis pequenos.

Así, con esta nova lei, porase a disposición dos concellos instrumentos para profesionalizar os servizos, de forma que os técnicos municipais contarán con programas de formación periódica e directrices que lles servirán de guía; e os concellos que o desexen, poderán ceder 

Co investimento de máis de 1.100 millóns de euros en infraestruturas para abastecemento e depuración, segundo Rueda, Galicia conseguiu que o 76% das masas de auga das súas rías e ríos se atopen hoxe en bo estado; que o 90% das aglomeración urbanas cumpran a directiva europea sobre depuración; e reducir os vertidos contaminantes do 40% ao 15%.

20220530 Rueda presenta saneamento Padron Xunta

Felicitación ao Concello de Padrón

Rueda aproveitou a súa intervención para felicitar ao Concello de Padrón por situar as infraestruturas e os servizos hidráulicos como prioridade. Non en van, o proxecto de ampliación da rede de saneamento presentado hoxe, no que ambas administracións investirán conxuntamente máis dun millón de euros, permitirá dar servizo a seis núcleos, coa execución, entre outros aspectos, de novos colectores e estacións de bombeo de augas residuais. A actuación, que se iniciará a principios de 2023 co obxectivo de rematala ese mesmo ano, será financiada no marco do eixo REACT EU do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da covid-19.

Segundo Ethel Vázquez este proxecto vai mellorar o saneamento de seis núcleos de poboación de Padrón e contribuirá á mellora da calidade da auga do río Ulla e da ría de Arousa.

O pasado venres, día 27, remataba o prazo para que as empresas puidesen presentar ofertas para acometer etas obras, que teñen un orzamento de 1.048.252 euros. Segundo Ethel Vázquez, hai 12 empresas interesadas en acometer o proxecto. A consellería espera poder rematar o proceso de adxudicación a finais deste ano. Os traballos centraranse na execución dunha serie de colectores e de catro estacións de bombeo de augas residuais nos núcleos de Herbón, Lestido, A Aduana e O Paraíso. A actuación poderá darlle servizo a unha poboación de 669 habitantes e ten un prazo de execución de seis meses.

20220530 Padron Saneamento 39

Pola súa banda, o alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, agradeceulle ao presidente a “disposición da Xunta para acometer esta importante obra que vai mellorar a calidade do medio ambiente e do río Ulla. Esta actuación faise necesaria para eliminar vertidos no Ulla”, indicou Fernández Angueira, que, ao rematar o acto, agasallou con bolsas de pementos do municipio tanto ao presidente da Xunta como á conselleira de Infraestruturas e Mobilidade.

Á presentación do proxecto, ademais do presidente da Xunta, a conselleira e o alcalde, asistiron o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor; o alcalde de Pontecesures, Juan Manuel Vidal Seage, o deputado Ovidio Rodeiro; e os tenentes de alcalde de Padrón José Ramón Pardo e Lorena Couso, ademais doutros membros do equipo de goberno e veciños e veciñas da zona.

20220530 Padron Saneamento 23

 

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…