Print this page
-->

As Festas da Pascua

 

A celebración da Pascua de Padrón remóntase ao século XVII e a súas orixes baséanse na organización dunha feira cabalar de comezos aínda máis remotos á que acudían tratantes de todos os puntos de Galicia e mesmo de Castela.

PascuaCo paso do tempo, arredor da actividade comercial fóronse incorporando elementos culturais, deportivos, lúdicos e relixiosos, estes últimos pola coincidencia das datas de celebración coa Semana Santa, tamén moi arraigada en Padrón. Todos estes ingredientes converteron á Pascua na primeira romaría importante do calendario festivo galego.

Ao longo da súa historia, esta celebración atravesou diversas vicisitudes, que incluso estiveron a punto de rematar con ela. De feito, era tal a importancia que tiña a comezos do século XIX, que o Concello de Santiago solicitoulle á monarquía con espurios argumentos o traslado da feira padronesa a Compostela, tal e como recolleu o arquiveiro Pablo Pérez Constanti nas súas "Notas Viejas Galicianas". Nembargantes, a súa maxestade non tomou en consideración esa petición, acordando desestimala e ordeando que subsistira dita feira en Padrón.

Desde entón, a feira cabalar celébrase ininterrompidamente todos os anos, coincidindo coa Pascua de Resurrección, de aí o seu nome. Na actualidade, ademais da feira cabalar, a programación de actividades da Pascua de Padrón inclúe desde a tradicional lectura do pregón ata espectáculos ecuestres, a instalación de atraccións infantís, probas deportivas, actos culturais, eventos musicais e senllos actos de irmandamento cos concellos veciños de Santiago e Rianxo. Todas estas actividades atraen cada ano ata a capital da Comarca do Sar a milleiros de visitantes.

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…