20 de xuño de 2023
O Concello de Padrón publica as listaxes de nenas e nenos admitidos no campus deportivo de verán 2023, que se poden consultar nestes enlaces:
29 de maio de 2023
O Concello de Padrón organiza este verán un novo campus deportivo para rapazas e rapaces de entre 6 e 15 anos co obxectivo de facilitar a conciliación da vida laboral e familiar durante as vacacións escolares. O campus, que se desenvolverá en dúas quincenas entre o 26 de xuño e o 28 de xullo, ten un custo xeral de 25 euros por quenda con bonificacións para irmáns (20 euros para o segundo e 15€ a partir do terceiro).
Durante o campus, os menores participantes terán a oportunidade de practicar distintos deportes como ciclismo, baloncesto ou tenis, ademais de natación na piscina municipal da Esclavitude ou sendeirismo con subidas ao Santiaguiño do Monte. Tamén se desenvolverá en cada quenda unha saída ao Aquapark de Cerceda con transporte incluído e doutra ao parque multiaventura Galipark.
Nenas e nenos reuniranse luns, mércores e venres no Pavillón do Grupo Escolar. Os martes terán que desprazarse ata a piscina da Esclavitude e os xoves ao Galipark, para ser recollidos nas propias instalacións.
O prazo de inscricións abrangue do luns 5 de xuño ao venres 16 de xuño. Abrirase do día 5 ata o domingo 11 de xuño só para as persoas empadroadas en Padrón. O resto poderá sumarse dende o luns 12 ata o venres 16 de xuño. O martes día 20 publicarase o listado de nenas e nenos admitidos na web municipal (www.padron.gal) e no taboleiro de anuncios do Concello.
Para facer a solicitude, haberá que presentar no rexistro do Concello de Padrón (horario de atención ao público de 9.00 a 14.00 horas) a ficha de inscrición debidamente cuberta, xunto á fotocopia do DNI da titora ou titor e á do libro de familia no caso de solicitar desconto por irmáns. Hai dispoñibles 60 prazas por quenda (a primeira desenvólvese do 26 de xuño ao 11 de xullo e a segunda do 12 ao 28 de xullo).
Podes descargar aquí a ficha de inscrición coas bases e o calendario do campus.