Print this page
-->

A praza de Macías acolle este sábado o XV Festival Folcklórico do Pedrón

  • O Concello de Padrón colabora coa Agrupación Folclórica Cultural O Pedrón nunha cita chea de música e danza tradicional

  • A partir das 20.30 horas actuarán, xunto ao grupo anfitrión, o Centro Cultural A Pontevella de Teo e a Agrupación Cultural Son d’Aquí da Coruña

20240615 cartel festival O Pedron

A praza de Macías de Padrón encherase de música e danza tradicional galega con motivo do XV Festival Folcklórico do Pedrón que se celebra o vindeiro sábado 15 de xuño. Este evento, organizado pola Agrupación Folclórica Cultural O Pedrón en colaboración co Concello de Padrón, está xa arraigado na axenda do municipio co obxectivo de protexer e difundir o legado cultural de Galicia.

A cita comezará ás 20.30 horas e contará coa participación de tres destacados grupos folclóricos: o Centro Cultural A Pontevella de Teo, a Agrupación Cultural Son d’Aquí, chegados dende A Coruña, e os anfitrións da A.F.C. O Pedrón.

A presentación estará a cargo da actriz e presentadora Isabel Risco, quen guiará ao público a través desta tradicional cita.

A A.F.C. O Pedrón será a encargada de levantar o pano deste festival que combina o baile, as cantareiras e as pandeireteiras. O público asistente tamén poderá gozar na parte central do certame coa actuación da cativada que integra o seu grupo infantil.

Ao finalizar o festival, premiarase aos grupos participantes cuns detalles artesanais elaborados por Silvereira.

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…