Print this page
-->

Padrón rende homenaxe a Xosé Vizoso cun mural na piscina municipal

  • O alcalde, Anxo Arca, e a concelleira Chus Campos participaron na inauguración da obra, realizada polo propio artista

  • A intervención artística contribúe a embelecer as instalacións deportivas municipais e a preservar a memoria dun dos grandes referentes da cultura galega

20260623 Padron inauguración piscina mural Xose Vizoso 2

O Concello de Padrón rendeu homenaxe esta semana a Xosé Vizoso coa inauguración dun mural na piscina municipal, unha obra realizada polo propio artista que servirá para manter vivo o legado dun dos creadores máis destacados da cultura galega contemporánea.

No acto participaron o alcalde de Padrón, Anxo Arca, e a concelleira Chus Campos Varela, acompañados polo alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín; o artista Camilo Seira, e persoal técnico dos concellos de Padrón e Brión.

A nova intervención artística pasa a formar parte das instalacións deportivas municipais, achegando un novo valor cultural a un espazo moi frecuentado pola. O mural constitúe ademais unha mostra de recoñecemento á figura de Xosé Vizoso, creador cunha ampla e recoñecida traxectoria no ámbito do deseño, da pintura e da escultura.

20260623 Padron inauguración piscina mural Xose Vizoso 5

Nado en Mondoñedo e estreitamente vencellado a Brión, Vizoso desenvolveu unha parte fundamental da súa carreira profesional en Sargadelos, converténdose nun dos nomes imprescindibles para comprender a evolución da arte e do deseño en Galicia nas últimas décadas. A súa obra contribuíu a proxectar a identidade cultural galega dentro e fóra das nosas fronteiras, deixando unha pegada que continúa inspirando a novas xeracións de artistas e creadores.

Durante a inauguración, os representantes institucionais destacaron a importancia de conservar e divulgar o patrimonio cultural galego a través de iniciativas que achegan a arte aos espazos públicos e á vida cotiá da cidadanía.

Con esta actuación, o Concello de Padrón reafirma o seu compromiso coa promoción da cultura e coa posta en valor de figuras que contribuíron de maneira decisiva ao desenvolvemento artístico e creativo de Galicia.

 
Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…