Print this page
-->

Yolanda Carbia Castro incorporarase ao Goberno de Padrón como concelleira de Educación e Cultura

  • A nova edil asumirá tamén Economía e facenda, Persoal, Promoción do emprego e traballo, e Benestar animal

  • Tomou posesión no pleno ordinario deste mércores para cubrir a vacante deixada pola finada Ana Castro

  • O alcalde, Anxo Arca, acomete unha ampla reorganización das áreas e das tenencias de alcaldía do goberno municipal

  • A Corporación gardou un minuto de silencio en lembrada da finada concelleira Ana Castro

 

20260923 Padron pleno toma posesion Yolanda Carbia 3

 

Yolanda Carbia Castro incorporouse ao Goberno municipal de Padrón tras tomar posesión como concelleira no Pleno ordinario da Corporación celebrado este 23 de setembro. A nova edil cubrirá a vacante producida polo pasamento de Ana Castro García, para quen o alcalde tivo palabras de recordo e agradecemento. A sesión comezou gardando un minuto de silencio en memoria e lembranza de Ana Castro.

Licenciada en Ciencias Económicas e Empresariales pola USC, Yolanda Castro leva máis de vinte anos dedicada á docencia. Actualmente é profesora de Formación e Orientación Laboral e secretaria do IES de Valga. Durante os oito meses que restan de mandato, asumirá as competencias de Educación e cultura; Economía e facenda; Persoal; Promoción do emprego e traballo, e Benestar animal.

Antes de darlle a benvida á nova concelleira, Anxo Arca lembrou a “extraordinaria vocación de servizo público” de Ana Castro. “Durante os tres últimos anos da súa vida dedicouse a mellorar este pobo. Ata os últimos momentos estivo preocupada porque os padroneses e as padronesas tivesen as mellores oportunidades. Moitos dos proxectos nos que participou Ana serán desfrutados pola cidadanía durante mitos anos”, asegurou o alcalde.

De seguido, Anxo Arca deulle a benvida a Yolanda Castro como nova concelleira de Padrón, “unha persoa con grande capacidade de traballo”. Tras entregarlle a insignia e a medalla a Corporación, o alcalde explicou que a incorporación de Yolanda Carbia leva aparellada unha ampla reorganización das áreas delegadas entre os membros do goberno socialista, así como das tenencias de alcaldía, como recolle o decreto asinado pola alcaldía.

Ademais das funcións propias da Alcaldía, Anxo Arca asumirá as áreas de Axenda 2030; Transición ecolóxica; Información e comunicación; Relacións institucionais e cos sectores económicos; Seguridade cidadá (Policía Local, Protección Civil e GES); Tráfico; Saúde pública; Urbanismo, e Vivenda e solo.

Chus Campos Varela continuará como primeira tenente de alcalde e responsabilizarase de Turismo; Festexos; Xacobeo 2027; Comercio; Medio ambiente; Parques e xardíns; Limpeza viaria, e Cemiterios.

Luis Mariño Castro pasará a ser o segundo tenente de alcalde. Terá ao seu cargo Deportes; Vías e obras; Abastecemento de auga potable; Saneamento; Alumeado público; Xestión enerxética; Recollida e tratamento dos residuos sólidos urbanos; Praza de abastos, mercado dominical e, en xeral, venda ambulante.

Laura Horta Ignacio ocupará a terceira tenencia de alcaldía e manterá as áreas que xa dirixía: Dixitalización e modernización da administración local; Novas tecnoloxías; Formación; Política lingüística, e Participación cidadá.

Pola súa banda, Mariló Saco Vigo continuará á fronte de Servizos sociais; Igualdade e muller; Relacións veciñais; Terceira idade; e Xuventude e voluntariado.

Anxo Arca deulle a benvida a Yolanda Carbia e destacou a súa experiencia profesional e a súa vontade de traballo ao servizo da veciñanza. O alcalde explicou que esta reorganización, motivada polo pasamento de Ana Castro, ten como obxectivo “manter o ritmo de traballo desenvolvido desde o inicio do mandato e afrontar os numerosos proxectos cos que queremos mellorar a calidade de vida de todos os padroneses e as padronesas”.

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…