O Concello de Padrón, xunto cos de Santa Comba e A Baña, contará co apoio da Xunta de Galicia para irmandarse con localidades europeas ao abeiro do programa "Europa cos Cidadáns" para desenvolver proxectos e accións dirixidas á mocidade. Así quedou de manifesto na reunión que mantivo hoxe en San Caetano o rexedor local, Antonio Fernández Angueira, coa directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, e con representantes dos outros dous concellos.
A responsable autonómica de Xuventude destacou que esta iniciativa europea redundará en beneficio da xente nova, xa que “ábrense máis posibilidades para levar a cabo cooperacións mutuas en proxectos e accións dirixidos á mocidade entre entidades, asociación e municipios de diferentes países”. Respecto da iniciativa "Europa cos Cidadáns", Cecilia Vázquez explicou que ten como obxectivo difundir información e prestar asesoramento aos operadores culturais, así como achegar a Unión Europea aos cidadáns e cidadás na procura de aumentar o seu nivel de concienciación e compresión sobre a construción da Unión. Así, entre as accións que se apoian ao abeiro desta iniciativa está a irmandamento entre municipios.
Nesta liña, a responsable das políticas de Xuventude do Goberno galego sinalou que a iniciativa de participar neste programa por parte dos concellos de Padrón, Santa Comba e A Baña, tanto para acoller a participantes en Galicia como para participar noutros países, “é unha excelente oportunidade para fomentar a participación dos mozos e mozas na vida democrática da UE, achegalos ás institucións da Unión, e animalos a coñecer e poñer en valor moitas das vantaxes que a proporciona a cidadanía europea”.
Asemade, Cecilia Vázquez destacou que este programa “favorecerá o feito de que a mocidade destes tres concellos poidan ter novas oportunidades para o entendemento mutuo con outros mozos e mozas de Europa, así como o fomento da solidariedade, a aprendizaxe intercultural, o compromiso social e o voluntariado a nivel europeo”.
No que atinxe aos proxectos que se realizarán, o do Concello de Padrón titúlase "Fomentar a solidariedade para unha Europa mellor" e trátase dun irmandamento no que participan cidades de Portugal, Italia, Eslovaquia, Grecia, Hungría e Alemaña. Este evento, que ten como finalidade sensibilizar á sociedade civil europea sobre as oportunidades que proporciona o feito de pertencer á Unión Europea, terá lugar entre os días 14 e 20 de maio e reunirá a 55 persoas dos sete países participantes.