Print this page
-->

Responsables de Turismo de Yucatán visitan Padrón atraídas polo Camiño de Santiago

  • O Padrón Xacobeo e a Pedronía foron algunhas das iniciativas polas que se interesaron //

Michelle Fridman, secretaria de Turismo de Yucatán (México), e  Marystella Muñoz, directora de promoción e feiras especializadas, visitaron esta mañá Padrón coa idea de obter información sobre o desenvolvemento e a organización do Camiño de Santiago para pór en marcha no seu país o Camino Maya. Lorena Couso, concelleira de Turismo de Padrón, recibiunas na Casa Consistorial e aproveitou para falarlles do Padrón Xacobeo e da promoción da Pedronía.

As responsables de turismo da península mexicana do Yucatán estaban sobre todo interesadas en coñecer o funcionamento do albergue padronés. Visitaron tamén a igrexa de Santiago e puideron coñecer os fortes vínculos entre Padrón e a tradición xacobea. A Pedronía, a credencial que dá testemuña da peregrinaxe ata Padrón como lugar ao que chegou o corpo do Apóstolo logo de sofrir martirio en Palestina, foi unha das iniciativas ás que prestaron maior atención.

A visita de Michelle Fridman e Marystella Muñoz englóbase nunha acción de Turismo de Yucatán encamiñada a poñer en marcha o chamado Camino Maya. En días pasados, ambalas dúas participaron na Feira de Turismo de Madrid, Fitur, e logo achegáronse a Galicia para estudar diferentes aspectos do Camiño de Santiago. En Padrón asentaron as bases para unha futura colaboración.

A concelleira Lorena Couso e o técnico de Turismo de Padrón, Alberto Rey, estiveron tamén a semana pasada en Fitur promocionando os diferentes atractivos da vila padronesa entre os profesionais do turismo e os medios de comunicación.

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…