Rosalía de Castro (Santiago, 1837 - Padrón, 1885) é a escritora galega máis universal e, posiblemente, a personalidade histórica coa que máis nos identificamos os galegos polo seu profundo sentimento de pertenza ao país e pola súa visión socialmente crítica como intelectual, sempre a carón dos máis febles.

Segundo The New York Times, Rosalía de Castro é "a mellor poetisa nacida na Península Ibérica desde a Idade de Ouro ata García Lorca" e unha das máis importantes do Romanticismo a nivel europeo.

Xunto a Eduardo Pondal e Curros Enríquez, convertiuse nunha das figuras máis emblemáticas do Rexurdimento da cultura galega no século XIX pola súa aportación literaria -tanto en prosa como en verso e tanto en galego como en castelán- e por retratar na súa obra unha alegoría nacional de todo o pobo galego.Casa da Matanza

A publicación en 1863 dos seus "Cantares gallegos", primeiro libro escrito integramente en galego e considerado a primeira gran obra da literatura galega contemporánea, supuxo un golpe estratéxico de enorme trascendencia para o futuro das letras galegas e para a consolidación dun incipiente sistema literario galego.

Aínda que naceu en Santiago de Compostela (24 de febreiro de 1837), Rosalía de Castro pasou gran parte da súa vida en Padrón, vila que alternaría como lugar de residencia con outros pobos e cidades como Ortoño, Lestrobe, Madrid e A Coruña.

A día de hoxe, en Padrón pódese visitar a coñecida como Casa da Matanza, fogar no que Rosalía de Castro viviu xunto co seu home, Manuel Murguía, e os seus fillos desde 1883 ata o seu falecemento debido a unha grave enfermidade o 15 de xullo de 1885. Esta casa, onde Rosalía escribiu a súa derradeira obra, "En las orillas del Sar" (1884), sería adquirida polo Padroado Rosalía de Castro en 1947 e habilitada como Casa Museo en 1972.

 

Máis información sobre os horarios de visita na seguinte ligazón:

 

boton ruta rosaliana

 

Os pementos de Padrón coñécense practicamente no mundo enteiro. As súas orixes remóntanse ao século XVII, cando uns frailes da orde franciscana asentada no convento de San Antón, na parroquia padronesa de Herbón, retornaron dunhas misións en América traendo as sementes dos pementos que se cultivaban no estado mexicano de Tabasco, na zona fronteiriza entre México e Estados Unidos.Mapa DOP Pementos de Herbón

A finais do século XVIII, o pemento seco e moído xa se comercializaba en Herbón e constituía unha importante fonte de ingresos, tal e como testemuñan documentos do Catastro da Ensenada. O proceso de selección varietal e as prácticas culturais de recolección precoz comezaron entón a transmitirse desde a comunidade monacal aos agricultores da súa área de influencia, conformando un sistema de produción altamente especializado, no que as sementes eran transmitidas como bens parafernais -formando parte da dote- e nunca fóra da zona de produción.

Na actualidade, a Denominación de Orixe Protexida "Pemento de Herbón" comprende unha área de produción que abrangue aos concellos de Padrón, Dodro, Rois - na provincia da Coruña-, Pontecesures e Valga -na provincia de Pontevedra-. Trátase dunha zona da vertente atlántica de Galicia, que está constituída por vales cunha reducida altitude, delimitados polos ríos Ulla e Sar e protexidos por varias serras e a península do Barbanza, que illan a zona e proporcionan unhas condicións edafoclimáticas axeitadas para o cultivo dos pementos.

Os pementos cultivados ao abeiro da DOP "Pemento de Herbón" pertencen á especie Capsicum Annuun, procedentes dos ecotipos locais da "variedade Padrón". Caracterízanse pola súa recolección en estado inmaduro precoz para a súa comercialización en fresco, presentando unha cor verde lixeiramente clara, unha lonxitude de entre 3,5 e 5,5 centímetros e un diámetro máximo de entre 1,5 e 2 centímetros. 

Unha das características organolépticas máis destacadas dos pementos de Herbón é que, tal e como recolle o dito popular, "uns pican e outros non". Por que? Depende da cantidade de compostos capsicinoides que conteñan, que se concentran na placenta, que é a parte branquiña que hai no interior do froito, nunhas pequenas vesículas. Téñense identificado ata dez compostos diferentes, pero é a capsicina -seguida da hidrocapsicina- a que máis pica. Como estas substancias son axentes defensivos, a cantidade que xenera a pranta depende tanto das características xenéticas e endóxenas da variedade como das condicións ambientais esóxenas: a temperatura, a humidade, a composición do solo, a fertilización, o estado de desenvolvemento do froito no momento da recollida, etc.

Os auténticos pementos de Herbón unicamente se poden atopar no mercado entre os meses de maio e outubro, xa que a recolección dos cultivados en invernadoiros adoita comezar a principios de maio mentres que os cultivados ao aire libre entran en produción a finais de xuño. A campaña oficial remata o 31 de outubro. 

 

Máis información sobre os pementos de Herbón nesta ligazón:

 

Camilo José Cela Trulock naceu na parroquia padronesa de Iria Flavia o 11 de maio de 1916. Fillo de pai galego e nai con ascendencia inglesa e italiana, pasou a súa infancia en Galicia, antes de trasladarse a Madrid en 1925 coa súa familia. Tras varias incursións no mundo da poesía, a súa carreira literaria comeza a ser unha realidade en 1942 coa publicación da súa primeira novela, "La familia de Pascual Duarte", obra de certa crueza á que lle seguirían trece novelas máis ata "Madera de boj" en 1999. Entre elas destaca "La colmena", novela que foi editada en 1951 en Bos Aires polos seus problemas en España coa censura.  

cjc trabajo e1365422687108Camilo José Cela foi un autor de éxito, prolífico en número de obras publicadas e abundante en xéneros literarios cultivados: novelista, poeta, ensaísta, lexicógrafo, dramaturgo... facetas todas elas que revelan a súa enorme e enraizada vocación polo oficio de escribir e unha incansable sede de experimentación, que deron como resultado máis de 120 títulos con numerosas edicións e traducións a alomenos 40 idiomas: 14 novelas, oito novelas curtas, cinco libros de poesía, 17 libros de viaxes, 20 libros de artigos, 26 de contos, tres de teatro, un romance de cego, cinco adaptacións, dous de entrevistas, 13 de temática variada, un de lexicografía, tres diccionarios e dous libros de memorias: "La rosa (memorias de la niñez)" e "Memorias, entendimientos y voluntades (memorias de juventud)". Tamén foi xornalista, ensaísta, editor de revistas literarias, conferenciante, pintor, actor e un longo etcétera de facetas nas que demostrou a súa creatividade e forte personalidade.

O seu labor literario reportoulle os máis destacados premios e recoñecementos deste eido: en 1984 recibiu o Premio Nacional de Narrativa; en 1989 foille concedido o Premio Nobel de Literatura "pola súa prosa rica e intensa, que, con refreada compaixón, configura unha visión provocadora do desamparo do ser humano"; dous anos antes (1987) recibira o Premio Príncipe de Asturias das Letras; e seis anos máis tarde (1995) seríalle concedido o máximo galardón las letras españolas, o Premio Cervantes. 

En 1956 fundou e comezou a dirixir desde Mallorca a revista de creación literaria "Papeles de Son Armadans", que resulta fundamental para entender a literatura española da posguerra e que mantivo activa ata 1979, chegándose a editar 276 números durante os seus 23 anos de vida. 

En 1957 Camilo José Cela ingresou na Real Academia Española, apadriñado por Vicente Aleixandre, Gregorio Marañón e Joaquín Calvo-Sotelo. Nesta institución ocuparía o sillón Q e o seu discurso de ingreso, "La obra literaria del pintor Solana", sería contestado polo propio Gregorio Marañón. Vinte anos máis tarde (1977), o Rei Juan Carlos nomeouno senador nas primeiras Cortes Xerais da transición democrática, chegando a participar na redacción do texto da Constitución. 

Ao longo da súa carreira literaria, recibiu 25 doctorados Honoris Causa por 16 países distintos de catro continentes e viu como a súa obra se editaba e traducía a máis de 40 idiomas. De feito, "La familia de Pascual Duarte" é considerada por moitos como a novela española máis editada e traducida despois de "El Quijote".

Morreu en Madrid o 17 de xaneiro de 2002 aos 85 anos de idade e o seu legado literario e artístico consérvase en Padrón, en Iria Flavia, na fundación que leva o seu nome -ubicada fronte á colexiata de Santa María de Adina, nas denominadas Casas dos Canónigos, por ter sido residencia deles no século XVIII-. 

 

Máis información nas seguintes ligazóns:

  

 

A celebración da Pascua de Padrón remóntase ao século XVII e a súas orixes baséanse na organización dunha feira cabalar de comezos aínda máis remotos á que acudían tratantes de todos os puntos de Galicia e mesmo de Castela.

PascuaCo paso do tempo, arredor da actividade comercial fóronse incorporando elementos culturais, deportivos, lúdicos e relixiosos, estes últimos pola coincidencia das datas de celebración coa Semana Santa, tamén moi arraigada en Padrón. Todos estes ingredientes converteron á Pascua na primeira romaría importante do calendario festivo galego.

Ao longo da súa historia, esta celebración atravesou diversas vicisitudes, que incluso estiveron a punto de rematar con ela. De feito, era tal a importancia que tiña a comezos do século XIX, que o Concello de Santiago solicitoulle á monarquía con espurios argumentos o traslado da feira padronesa a Compostela, tal e como recolleu o arquiveiro Pablo Pérez Constanti nas súas "Notas Viejas Galicianas". Nembargantes, a súa maxestade non tomou en consideración esa petición, acordando desestimala e ordeando que subsistira dita feira en Padrón.

Desde entón, a feira cabalar celébrase ininterrompidamente todos os anos, coincidindo coa Pascua de Resurrección, de aí o seu nome. Na actualidade, ademais da feira cabalar, a programación de actividades da Pascua de Padrón inclúe desde a tradicional lectura do pregón ata espectáculos ecuestres, a instalación de atraccións infantís, probas deportivas, actos culturais, eventos musicais e senllos actos de irmandamento cos concellos veciños de Santiago e Rianxo. Todas estas actividades atraen cada ano ata a capital da Comarca do Sar a milleiros de visitantes.

 

PadronCaminoEDestino

Contacto

Pode contactar co Concello de Padrón a través dos seguintes medios:

  • Enderezo: Rúa Longa, 27 - 15900 Padrón
  • Teléfono: (+34) 981 810 451
  • Correo electrónico: correo@padron.gal

 

Plan Único POS+ Deputación da Coruña

Outros sitios web de interese

 
 
App Padrn removebg preview
 
Descarga a App de Turismo de Padrón.
Top

Aviso legal - Política de privacidade - Política de cookies - Máis información sobre as cookies

Ligazón temporal á antiga páxina web

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…