- A actuación, na que participan tres agrupacións corais, terá lugar no auditorio municipal //
- O concerto de Nadal, da Banda Municipal de Música de Padrón, e o Festival de ximnasia rítmica, complementan a oferta da fin de semana //
O arrecendo da maxia e da ilusión do Nadal xa está presente nas rúas de Padrón. A capital do Sar abre esta fin de semana a súa programación lúdico festiva e de ocio; unha programación que terá tanto o sábado como o domingo á música como protagonista.
O auditorio municipal de Padrón acollerá este sábado, 17 de decembro, a trixésimo cuarta edición do Festival de Panxoliñas, organizado pola Coral Polifónica Padronesa, en colaboración co Concello de Padrón, a Sociedade Cultural Padronesa (entidade á que pertence a coral) e a Deputación da Coruña. O festival comezará ás 19.00 horas e contará coa participación do Coro do Colexio de Avogados de Pontevedra, a Coral Polifónica de Betanzos e a coral anfitrioa. A entrada é de balde.
As tres agrupación corais interpretarán cada unha delas 4 temas. Entre as pezas que tocará a Coral Polifónica Padronesa destacan as panxoliñas Regalos da feira de Nadal Feijóo; Arrurú. meu neno ou as cancións populares Nosa Señora da Barca ou Pasei o mar da Marola.
O domingo, 18 de decembro, recollerá a testemuña a Banda de Música Municipal de Padrón que ofrecerá o tradicional Concerto de Nadal. Será tamén no auditorio municipal, ás 19.00 horas, con entrada gratuíta. No repertorio non faltarán as acaídas pezas de Nadal e tamén algunha que outra estrea.
A concelleira de Cultura, Lorena Couso, anima á veciñanza a asistir ás actuacións desta fin de semana e a gozar en familia da programación que o Concello de Padrón ten preparada para este Nadal.
Festival solidario
Ademais do concerto, este domingo tamén terá lugar o Festival de Nadal organizado polo Club Rítmica Ausarta en colaboración co Concello de Padrón. O acto celebrarase no polideportivo do grupo escolar a partir das 12.00 horas. Esta actividade ten un carácter benéfico, polo que os organizadores préganlle ás persoas que se acheguen que doen alimentos non perecedoiros. Estes irán destinados ao Banco de Alimentos Rías Altas.