-->

Máis de 1.160 atletas participan este sábado en Padrón nunha das 10K máis multitudinarias

  • A concelleira de Deportes subliña que a deste ano sitúase no top3 de todas as edicións polo volume de participantes //
  • As catro da tarde tomarán a saída os máis novos, ás 16.45 horas comeza a 5k e ás 17.30 a carreira de dez quilómetros //
  • O concello limita a circulación de tráfico e aparcamento nas rúas que forman parte do circuíto //
  • Lorena Couso: “Debemos garantir a seguridade de todas as persoas participantes e o bo desenvolvemento da proba” //
  • Os cortes ao tránsito de vehículos afectarán ao Campo do Souto, as rúas Travesía da Feira, Agro do Medio, Castelao, Praza da Leña e aos accesos, paseo e carril bici da desembocadura do Sar //

A Padrón 10K reunirá este sábado 4 de febreiro a 1.167 atletas nas de diferentes categorías, o que sitúa á vixésima edición desta carreira “no top3 de todas as celebradas ata o momento polo número de participantes”, segundo indica a concelleira de Deportes, Lorena Couso. Os pitufos tomarán a saída ás 16.00 horas no campo do Souto, ás 16.45 horas sairá a proba 5k e ás 17.30 a carreira de dez quilómetros. Para garantir a seguridade das persoas participantes, o Concello anuncia restricións tanto no tráfico rodado como no aparcamento en varias rúas da vila afectadas polo percorrido da carreira entre as 15.30 e 19.00 horas.

Lorena Couso xustifica a restricións na circulación polo gran volume de participantes. “Temos 1.167 atletas competindo e debemos garantir a seguridade de todas as persoas participantes e o bo desenvolvemento da proba”, remarca. Para a concelleira de Deportes, a 10K contribuirá este sábado a crear un gran ambiente na vila, ao xuntar atletas, familiares e amigos, e suporá un motor económico para moitos dos negocios locais.

Os cortes de tráfico afectarán ao Campo do Souto (lugar de saída e meta da proba), á rúa Travesía da Feira, Agro do Medio e rúa Castelao, á praza da Leña así como ás pistas municipais que van paralelas ao río Sar ata a desembocadura (accesos, paseo e carril bici).

10K percorrido escolares 2023

No que atinxe ao aparcamento, Lorena Couso indica que se delimitarán zonas de estacionamento restrinxido no Campo do Souto durante toda a xornada do sábado. A concelleira de Deportes apela á colaboración cidadá e lamenta as molestias que as limitacións de tráfico e de aparcamento poidan ocasionar á veciñanza.

Desenvolvemento da carreira

Xunto á carreira de dez quilómetros, a edición da 10K Padrón inclúe este ano como principal novidade unha proba homologada de cinco quilómetros. Participarán na carreira tanto atletas federados como non federados.

A recollida de dorsais desenvolverase das 11.30 ás 13.00 horas no pavillón do Souto e a partir das 15.00 horas ata media hora antes do inicio de cada unha das categorías.

A proba comezará ás 16.00 horas e a saída das diferentes categorías darase de forma gradual. Comezarán os menores de catro anos (os pitufos) ás 16.00 horas, que correrán 60 metros. Dez minutos despois sairán os prebenxamíns (nados dende 2016 a 2018), que cubrirán 300 metros. Estas dúas probas son as únicas non competitivas da xornada. Logo será a quenda dos sub-10 que correrán 600 metros; e dos sub-12 e sub-14 (1.200 metros), que pecharán as categorías escolares.

Por último sairán as probas homologadas. A 5K iniciarase ás 16.45 horas e nela tomarán parte os atletas inscritos nas categorías sub-16, sub-18, sub-20 e sub-23, sénior e máster, que deberán dar unha volta ao circuíto. Ás 17.30 horas darase a saída á 10K, na que competirán atletas das categorías sub-20, sub-23, sénior e máster, que deberán dar dúas voltas ao circuíto.

Haberá premios en metálico para os catro primeiros clasificados da carreira de 10K tanto en categoría masculina como feminina (250, 150, 75 e 50 euros, respectivamente), ademais dun premio especial de 50 euros para o mellor e a mellor atleta local. Tamén levarán trofeos os tres primeiros atletas de cada categoría de sub-20 ata máster; os tres primeiros equipos, o participante de máis idade que chegue a meta, o colexio ou club con máis participantes.

Na proba 5K haberá trofeo para  os tres primeiros clasificados das categorías sub-16, sub-18 e absoluta, tanto homes como mulleres. Todos os escolares recibirán medallas e obsequios e haberá trofeos para os tres primeiros clasificados das categorías sub-10 a sub-14. A entrega de premios e trofeos levarase a cabo no Auditorio municipal, pegado á liña de chegada, ás 19.15 horas.

PLANOS PERCORRIDOS PADRON10K 2023 Página 1 copia

 

 

PadronCaminoEDestino

Contacto

Pode contactar co Concello de Padrón a través dos seguintes medios:

  • Enderezo: Rúa Longa, 27 - 15900 Padrón
  • Teléfono: (+34) 981 810 451
  • Correo electrónico: correo@padron.gal

Outros sitios web de interese

 
 
App Padrn removebg preview
 
Descarga a App de Turismo de Padrón.
Top

Aviso legal - Política de privacidade - Política de cookies - Máis información sobre as cookies

Ligazón temporal á antiga páxina web

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…