O rexedor padronés cobrará menos que o seu predecesor //
Chus Campos, Ana Castro e José Luis Mariño serán membros da Xunta de Goberno Local e tenentes de alcalde //
Aprobada a creación dunha praza de persoal eventual como xefa de gabinete da alcaldía //
Os plenos pasan a celebrarse o último xoves de cada mes ás 20.00 horas //
A Corporación de Padrón aprobou no pleno de organización desta mañá asignar as dúas dedicacións exclusivas do equipo de goberno ao alcalde, Anxo Arca, e ao concelleiro de Deportes, Mercado e Praza de abastos, José Luis Mariño. As catro concelleiras terán unha dedicación parcial. Tamén se aprobou crear unha praza de persoal eventual e celebrar as sesións ordinarias dos plenos ás 20.00 horas do último xoves de cada mes, excepto en agosto e decembro.
O alcalde de Padrón recibirá unha retribución bruta anual de 43.500 euros. Anxo Arca asume as competencias de Axenda 2030, Información e Comunicación, Relacións Institucionais e cos Sectores Económicos, Seguridade Cidadá (Policía Local, Protección Civil, GES), Tráfico, Saúde Pública, Cultura e Casco Histórico.
Chus Campos será a primeira tenente de alcalde e responsable de Economía e Facenda, Persoal, Promoción do Emprego e Traballo, Comercio e Turismo, Camiño de Santiago e Festexos. Terá unha dedicación parcial do 75% da xornada, cunha retribución bruta anual de 32.625 euros.
A segunda tenente de alcalde será Ana Belén Castro, que asumirá as áreas de Urbanismo (excluído o casco histórico), Vivenda e Solo, Medio Ambiente, Vías e Obras, Abastecemento de Auga Potable e Saneamento, Parques e Xardíns, Limpeza Viaria, Recollida e Tratamento dos Residuos Sólidos Urbanos. Terá unha retribución bruta anual de 34.800 euros por unha dedicación parcial do 80% da xornada.
José Luis Mariño terá unha dedicación exclusiva de 26.600 euros brutos anuais. Ademais de terceiro tenente de alcalde quedáronlle asignadas as competencias de Deportes, Transición Ecolóxica, Praza de Abastos, Mercado Dominical e, en xeral, Venda Ambulante, Alumeado Público, Xestión Enerxética, Cemiterio e Benestar Animal.
Laura Horta Ignacio, que ten asignada unha dedicación parcial do 60% cunha retribución de 26.100 euros brutos anuais, será a responsable de Dixitalización e Modernización da Administración Local, Novas Tecnoloxías, Formación, Política Lingüística e Participación Cidadá.
Mariló Saco será a concelleira de Servizos Sociais, Educación e Ensino, Igualdade e Muller, Relacións Veciñais, Terceira Idade, Xuventude e Voluntariado. A súa dedicación ao concello será dun 60%, cunha retribución bruta anual de 26.100 euros.
As dedicacións foron aprobadas nunha segunda votación, co voto de calidade do alcalde, cos seis votos a favor do equipo de goberno (PSdeG, 6), a abstención do BNG (1) e o voto en contra do Partido Popular (6).
Co mesmo resultado aprobouse a creación dunha praza de persoal eventual, cuxas funcións serán a xefatura de gabinete da alcaldía, comunicación e protocolo. Apoio nas relacións institucionais e coordinación interdepartamental. Asesoramento en políticas de igualdade e xestión de fondos europeos, que será ocupada por Ana Isabel Rey Gómez. Terá dedicación exclusiva cunha retribución bruta anual de 26.000 euros.
Anxo Arca tamén deu conta no pleno dos decretos polos que nomea a Chus Campos, Ana Castro e Luis Mariño, por esta orde, tenentes de alcalde e integrantes da Xunta de Goberno Local.
O número e denominación das comisións informativas permanentes e o seu réxime de sesións, así como a designación de representantes do Concello nos órganos colexiados foron outros dos puntos tratados no pleno de hoxe.
Durante a presente lexislatura, a Corporación de Padrón celebrará plenos ordinarios o último xoves de cada mes pola tarde, ás 20.00 horas, excepto nos meses de agosto e decembro, nos que non haberá sesións. A Xunta de Goberno Local celebrará reunións ordinarias cada quince días.
As dietas por asistencia a plenos e comisións manteñen os importes establecidos nos orzamentos deste ano.