-->

Padrón e Santiago volven renovar a súa irmandade poñendo en valor os fortes lazos de unión entre ámbolos pobos

O alcalde, Anxo Arca, presidiu a comitiva padronesa que foi recibida en Compostela pola nova rexedora, Goretti Sanmartín ||   

Anxo Arca aplaudiu o feito de que Santiago conte cunha alcaldesa e recordou que Padrón ten por primeira vez na Corporación maioría de mulleres ||  

As dúas comitivas emprazáronse para a vindeira Pascua en Padrón ||   

20230731 Dia de Padron en Santiago nas festas Apostolo 25

O alcalde de Padrón, Anxo Arca, presidiu esta mañá a comitiva padronesa que se desprazou ata a capital de Galicia para participar nos actos institucionais do Día de Padrón en Santiago, coincidindo co último día das festas do Apóstolo, un acto xa tradicional na axenda de ámbalas corporacións e no que as dúas vilas reforzan os seus fortes lazos de irmandade.

A nova alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, recibiu a Corporación padronesa na praza do Obradoiro, onde se levaron a cabo o intercambio de bastóns de mando entre os dous rexedores e os saúdos protocolarios. Logo, as respectivas comitivas dirixíronse ao salón vermello do pazo de Raxoi.

20230731 Dia de Padron en Santiago nas festas Apostolo 4

É a primeira vez que tanto Anxo Arca como Goretti Sanmartín presiden este acto de irmandade en calidade de alcaldes, e na súas intervencións resaltaron os fortes lazos que unen a ambos municipios dende a constitución das propias cidades.

Anxo Arca agradeceu á rexedora de Compostela a invitación a esta cita que se leva a cabo dende o ano 1962 e transmitiulle os seus parabéns tanto a ela como ás persoas que se estrean na Corporación. Incidiu o alcalde no feito de que por primeira vez Santiago conte cunha rexedora establecendo un paralelismo con Padrón, cunha corporación que por primeira vez está composta por unha maioría de mulleres. “Son circunstancias que sen dúbida redundarán na mellora do proceso de toma de decisións a todos os niveis”, dixo.

Así mesmo subliñou a importancia deste tipo de encontros en “tempos de tanto enfrontamento” e resaltou puntos en común entre ambas vilas como a figura de Rosalía de Castro e, por suposto, a relevancia do Camiño de Santiago. “Padrón e Santiago somos camiño e destino deste gran fito histórico que son todos os camiños que xera Santiago”, afirmou.

O rexedor padronés insistiu, ademais, “no papel da Universidade como un gran punto de encontro”. Apelando a súa propia experiencia, Anxo Arca meditou que o paso pola USC serve para estreitar lazos de amizade “e axuda a aprender a vivir”, describindo deste xeito á capital galega como “unha cidade asombrosamente hospitalaria coa que temos moitísimos vínculos en común”. “Para os padroneses e padronesas é sempre especial vir a Santiago porque o levamos moi dentro”, rematou a súa intervención o alcalde, quen emprazou á Corporación compostelá a visitar Padrón nas vindeiras festas de Pascua.

Pola súa banda, Goretti Sanmartín afirmou que, aínda que ambos rexedores participan por primeira vez en calidade de alcaldes nesta cita, “somos ben conscientes desta relación de intercambio e de ligazón histórica que une aos dous concellos”. “É unha fortuna inmensa poder manter estas tradicións coa cantidade de elementos que nos unen de relacións culturais, comerciais, económicas ou a través da Universidade”, engadiu.

“O importante é que nós manteñamos esta parte de acto formal, pero tamén que se manteña unha parte real de aproximación, de ligazón e de continuidade con estes lazos históricos que unen Padrón e Santiago para que os concelleiros e concelleiras podamos falar e intercambiar experiencias e ver como podemos afianzar esta relación”, insistiu a alcaldesa de Santiago.

20230731 Dia de Padron en Santiago nas festas Apostolo 36

Como é tradicional, Anxo Arca e Goretti Sanmartín, xunto ás respectivas corporacións de Padrón e de Santiago, asistiron dende o balcón do Pazo de Raxoi ao concerto das bandas municipais de ambos concellos.

 

 

PadronCaminoEDestino

Contacto

Pode contactar co Concello de Padrón a través dos seguintes medios:

  • Enderezo: Rúa Longa, 27 - 15900 Padrón
  • Teléfono: (+34) 981 810 451
  • Correo electrónico: correo@padron.gal

Outros sitios web de interese

 
 
App Padrn removebg preview
 
Descarga a App de Turismo de Padrón.
Top

Aviso legal - Política de privacidade - Política de cookies - Máis información sobre as cookies

Ligazón temporal á antiga páxina web

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…