Desenvolve con Espina & Delfín a campaña ‘Está na túa man, pecha a billa cando toca’ para concienciar á veciñanza e anticiparse a posibles secas ||
Nos meses de xullo e agosto dispárase a demanda na vila padronesa ||
O Concello de Padrón e a empresa Espina & Delfín, concesionaria do servizo de auga, poñen en marcha a campaña Está na túa man, pecha a billa cando toca para fomentar o consumo responsable de agua. O obxectivo desta iniciativa é concienciar á veciñanza da importancia de realizar un uso axeitado dos recursos naturais, sobre todo durante a tempada de verán.
A diminución de precipitacións xunto ás elevadas temperaturas propias da época estival afectan aos caudais ecolóxicos dos ríos, polo que se fai imprescindible realizar un consumo eficiente da auga potable.
No 2022, o consumo medio mensual no Concello de Padrón foi de 97.715 metros cúbicos, unha cifra que se superou de forma preocupante durante xullo (121.140 m3) e agosto (113.957 m3 ), dándose a circunstancia de que estes dous meses levan sendo os de maior consumo de auga potable nos últimos tres anos.
Co obxectivo de facer un consumo responsable da auga, esta campaña incide en consellos sinxelos e prácticos para aforrar auga, como pechar a billa mentres cepillamos os dentes, ducharse en lugar de darse un baño, non usar o retrete como papeleira e utilizar a lavadora e o lavalouzas con cargas completas.
Tamén hai que ter precaución con actividades típicas desta época e, por exemplo, reducir o uso de auga para encher piscinas, lavar vehículos e regar os xardíns. Ademais, un bo consello para as persoas que marchan uns días de vacacións é pechar a chave de paso de auga da vivenda.