-->

Emotiva homenaxe de Padrón a Pepe Domingo Castaño con centos de persoas na praza que leva o seu nome

Anxo Arca: “Foi o altofalante de maior alcance que tivo Padrón no último século. Hoxe amosámoslle o noso aprecio e o noso cariño”  ||  

Susé Castaño comezou a súa intervención imitando ao seu irmán: “Hola, Hola. Aquí comienza... tiempo en el cielo”  ||  

Alfonso Rueda: “Era un dos nosos. Non se foi, sigue aquí e cada vez que alguén veña a esta praza acordarase del”  ||  

20230923 Padron homenaxe Pepe Domingo Castaño 7

“Hola, Hola. Aquí comienza... tiempo en el cielo”. Así comezou a súa intervención Susé Castaño durante o acto de homenaxe que o Concello de Padrón lle rendeu esta mañá ao recoñecido xornalista Pepe Domingo Castaño e ao que asistiron o presidente da Xunta, Alfonso Rueda e centos e persoas. O alcalde de Padrón, Anxo Arca, lembrou que “Pepe Domingo foi o altofalante de maior alcance que tivo Padrón no último século. Hoxe amosámoslle todo o noso aprecio e o noso cariño a quen xa é historia da radio española”, concluíu o alcalde, que propuxo un brinde na memoria de Castaño Solar.

O acto celebrouse na praza que o Concello de Padrón lle dedicou a Pepe Domingo Castaño, no casco histórico padronés, onde xogaba de pequeno. Moitos dos seus irmáns, familiares e centos de persoas asistiron á homenaxe, moitas delas vestindo pantalón vaqueiro e camisa a cadros, como Pepe Domingo cantaba na súa canción Neniña.

“Hoxe gustaríanos a todos volver oír ese ‘Hola, Hola’ co que Pepe Domingo comezaba as súas retransmisións deportivas. Un comunicador que fixo historia na radio, na televisión e na música española”, asegurou o alcalde. Anxo Arca agradeceulle a súa contribución á difusión e coñecemento de Padrón. “Foi o mellor embaixador que tivemos para dar a coñecer o noso pobo, a súa riqueza patrimonial, cultural e gastronómica. Foi o altofalante de maior alcance que tivo Padrón no último século”, engadiu.

“A súa marcha déixanos unha bágoa na alma e un oco no corazón que poderemos encher cos moitos recordos e anécdotas que Pepe Domingo foi repartindo entre todas as persoas que o coñecíamos”, engadiu Anxo Arca. O alcalde lembrou as palabras de Castaño, cando durante a inauguración da praza co seu nome dixo que toda a súa familia estaba medita nese espazo. “Hoxe esa familia medrou e aquí estamos todos, padroneses e padronesas, familiares e amigos amosando o noso aprecio e o noso cariño por quen xa é historia da radio española”.

20230923 Padron homenaxe Pepe Domingo Castaño 11

Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, resaltou que o homenaxeado sempre presumía de ser galego. “É un dos nosos, un deses bos e xenerosos, porque aínda que non estivera aquí todo o tempo, sempre levaba un cachiño de todos nós e o imos seguir recordando con alegría”, asegurou ao falar de Pepe Domingo Castaño, que morreu o pasado domingo, día 17, en Madrid.

“Non se foi, segue aquí, e cada vez que alguén veña a este casco vello padronés vaise acordar del”, asegurou Rueda, facendo referencia a que o nome de Pepe Domingo Castaño xa forma parte da historia de Padrón ao carón doutros como Camilo José Cela ou Rosalía de Castro.

20230923 Padron homenaxe Pepe Domingo Castaño 13

En nome da familia interviu Susé Castaño, que comezou a súa intervención como facía seu irmá nas retransmisión deportivas. “Hola, Hola. Aquí comienza... Tiempo en el cielo”, dixo. “Fúcheste de súpeto, e xa formas parte desa constelación dos Castaño no ceo. Canto amor deixas Pepé, e canto te imos botar de menos”, continuou visiblemente emocionando.

“Pepé, déixasnos un gran baleiro, que vai ser difícil de encher... e non se encherá nunca. Quedámonos con esa persoa que despois de mamá era capaz de aglutinarnos a todos”, continuou Susé, que animou a todos os presentes a acudir o vindeiro ano a romaría do Santiaguiño para encher o monte San Gregorio, como lle gustaba velo a Pepe Domingo Castaño (a quen os seus coñecidos chamaban Pepé).

O acto rematou cun brinde na memoria de Pepe Domingo Castaño na que participaron todas as persoas presentes ao ritmo que marcou o cuarteto de música tradicional Xoldra e máis.

 

 

 

 

PadronCaminoEDestino

Contacto

Pode contactar co Concello de Padrón a través dos seguintes medios:

  • Enderezo: Rúa Longa, 27 - 15900 Padrón
  • Teléfono: (+34) 981 810 451
  • Correo electrónico: correo@padron.gal

Outros sitios web de interese

 
 
App Padrn removebg preview
 
Descarga a App de Turismo de Padrón.
Top

Aviso legal - Política de privacidade - Política de cookies - Máis información sobre as cookies

Ligazón temporal á antiga páxina web

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…