O goberno padronés facilitou o cambio de fiestras, arranxou a imaxe exterior co pintando de toda a fachada e acondicionou o patio ||
A mestra responsable do centro, Sara Costa, agradece estas axudas que redundan na seguridade así como na calidade educativa e do tempo de lecer do seu alumnado ||
A Escola de Educación Infantil ‘Pontecesures’, en A Ponte, iniciou este novo curso 2023-24 cunha imaxe moi renovada. A colaboración do Concello de Padrón e de Finsa fixo posible que este centro de apenas seis alumnos e alumnas solucionase algunhas das carencias que afectaban tanto ao interior da aula, ao despacho, como á fachada exterior.
“Estamos moi felices e agradecidos pola cesión de todos estes materiais e os arranxos que se fixeron”, subliña a mestra responsable da escola, Sara Costa.
A responsable do centro sinala que grazas ao Concello de Padrón cambiáronse as fiestras e tamén arranxouse a imaxe exterior co pintado de toda a fachada. A aportación do goberno padronés incluíu ademais melloras no patio que redundan non só no tempo de lecer do alumnado, senón na seguridade e na calidade educativa.
Pola súa banda, a empresa Finsa, a través da súa obra social, facilitou o laminado do chan que se colocou en gran parte do centro onde anteriormente non existía, así como mobiliario para o despacho.
“O centro mellorou moito, estamos moi agradecidos”, insiste Sara Costa.