-
O Concello reafirma o seu compromiso coa cultura e as artes escénica galegas cun amplo programa de citas ao longo dos vindeiros tres meses
-
O 'Porco de Pé', 'Esas cousas maravillosas' ou 'Invisibles' serán algunhas das pezas teatrais que sairán a escena no auditorio municipal
-
A música será protagonista cos Festivais de Santa Icía, de Nadal e de Panxoliñas
-
Patricia Vázquez recibirá o galardón como gañadora do Premio de Interpretación Teatral Maruxa Villanueva o 28 de outubro
O Concello de Padrón mantén o seu compromiso coa cultura e as artes escénicas galegas poñendo en marcha un ano máis o Outono Cultural. O programa, que serve tamén de espazo para que as agrupacións continúen co labor de difundir de xeito popular obras da literatura e do folclore tradicional e contemporáneo, inclúe un total de 12 representacións de teatro e de música. As citas terán lugar entre os meses de outubro, novembro e decembro no auditorio municipal e no convento do Carme.
O Outono Cultural levanta o pano o vindeiro sábado 28 de outubro coa representación de O Porco de Pé, da compañía Excéntricas con Quico Cadaval como director.
Neste peza amósase a divertida sátira de Vicente Risco, a medio camiño entre o circo, o barracón, os fantoches e o cabarete. A cita, que comezará ás 19.00 horas no auditorio municipal, estará precedida pola entrega do galardón á gañadora do XXII Premio de Interpretación Teatral Maruxa Villanueva que este ano recaeu en Patricia Vázquez.
O 4 de novembro representarase Esas cousas maravillosas, de Elisardo de la Cruz, unha divertida obra sobre a depresión que xa superou os tres mil espectadores en Galicia; e o sábado 11, Teatro Airiños porá en escena As vellas non deben de namorarse.
O Festival Santa Icía encherá de música o auditorio municipal a fin de semana do 18 e 19 de novembro co protagonismo da Coral Polifónica Padronesa o sábado 18, que estará acompañada polo Coro Crecente, de Santiago, e a Coral Polifónica Airiños de Quenxe, de Corcubión. Ao día seguinte será a quenda da Banda de Música Municipal. Ambas actuacións comezan ás 19.00 horas.
Co gallo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, Padrón acolle o día 25, ás 18.30 horas, a representación da obra Invisibles, de Redrum Teatro. Esta adaptación do libro homónimo da periodista Montse Fajardo relata casos reais de violencia de xénero sufridos por sete mulleres galegas e está protagonizado por Mela Casal, Sheyla Fariña e Neves Rodríguez baixo a dirección de Marián Bañobre. A recollida de entradas gratuítas poderase facer a partir do día 20 de novembro no Centro Social.
O mes de decembro ofrece tamén unha ampla axenda de citas con pezas teatrais como Xustiza queredes, xustiza teredes, de Teruca Bouza, o día 2; e Todo nunha noite, de Abismo Caracol, o sábado 9. A orquestra Gaos, ofrecerá o 6 de decembro no convento do Carme o concerto Galiza nas veas con motivo do seu 15 aniversario; e a da banda de gaitas Airiños de Fene actuará o venres 8.
O Concerto de Nadal da Banda de Música de Padrón o sábado 16 e o Festival e Panxoliñas o dia 23 de decembro completan un Outono Cultural pensado para todo tipo de público.
Para a programación do Outono Cultural, o Concello de Padrón conta coa colaboración nalgunhas das actividades da Rede Cultural da Deputación da Coruña.