-
A compostelá ve recoñecido con este galardón o seu traballo na produción ‘O porco de pé’ así como a súa longa traxectoria sobre as táboas e ante as cámaras.
-
O acto de entrega levarase a cabo no auditorio municipal a partir das 19.00 horas
O alcalde de Padrón, Anxo Arca, entregará este sábado 28 de outubro a Patricia Vázquez o Premio de Interpretación Teatral Maruxa Villanueva no auditorio municipal de Padrón. O acto coincidirá coa representación da obra O porco de pé, de Excéntricas Producións, da que é protagonista a actriz santiaguesa, que ve recoñecido con este galardón tanto o seu traballo nesta produción como a súa longa traxectoria sobre as táboas e ante as cámaras.
O xurado desta vixésimo segunda edición do Premio Maruxa Villanueva estivo formado pola escritora Inma López, o profesor da Universidade da Coruña Carlos Caetano Biscainho, o dramaturgo Afonso Becerra, o director da Mostra de Teatro de Ribadavia, Roberto Pascual, e a animadora social Cruz Taboada. Na reunión celebrada o pasado mes de xaneiro recoñeceu coa súa decisión o traballo de Patricia Vázquez, unha das actrices cun percorrido máis destacado no teatro e no audiovisual galegos.
A actriz compostelá comezou a súa traxectoria no teatro nos ano 90 nunha produción do Centro Dramático Galego (CDG), compañía coa que Patricia Vázquez traballou en varias ocasións ao longo dos seus 30 anos sobre os escenarios. A Compañía Estable, durante os anos noventa, Teatro da Lúa, Ollomol-Tranvía, a Escola Dramática Galega, Contraproduccións, RedRum e PT Excéntricas, da que forma parte na actualidade, integran tamén o seu periplo profesional.
Patricia Vázquez é, así mesmo, un dos rostros máis coñecidos para o público galego polos seus traballos no audiovisual en series como Pratos Combinados, Mareas Vivas e, sobre todo, Padre Casares, ademais de pola súa presencia no programa da TVG Era Visto.
Tamén durante varios anos integrou o dúo Chapa e Pintura co actor Carlos Blanco, co que levou a escea Stand up Comedy.
A actriz Patricia Vázquez recibirá o galardón este sábado de mans do alcalde de Padrón, Anxo Arca, coincidindo coa representación da obra O porco de pé, da que é protagonista.
Con este dobre acto, o Concello de Padrón levanta o pano da programación de Outono Cultural 2023 que traerá ata o municipio diferentes actuacións de música e de teatro ao longo dos vindeiros tres meses.